martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

Vida por vida ou barcos sen honra

HAI REFRÁNS fondamente insolidarios. Hoxe penso naquel que di: "Vida por vida, primeiro é a miña". O mesmo, aínda que non o teña formulado dese xeito, que aplicou o actual goberno á hora de rectificar a decisión de non vender as armas que Arabia Saudí lle contratara ao goberno anterior. Sempre hai escusas para xustificar o inxustificábel.

A hipocrisía agocha a vileza baixo cambios de nome que pretenden facer estas cousas máis presentábeis. Armas defensivas, din, cando saben ben que o reino de Arabia non se defende, ataca. Ataca e, se cadra, apoia os ataques doutros. E, en todo caso, ben sabemos o nulo respecto que teñen alí polos dereitos humanos. Armas de precisión, engaden, que non erran o seu obxectivo. Vaia, que matan limpamente, como se iso non fose un oxímoro.

Disque perigaba a encarga de tres fragatas e, con ela, o traballo no estaleiro Navantia de Cádiz. O propio alcalde daquela cidade, pacifista el, xustificou o trasacordo do goberno asegurando que a responsabilidade da paz do mundo non pode recaer sobre un único país. Pois si, vidas de nenos e seres inocentes a cambio de postos de traballo. Os desempregados do naval non entenderían outra cousa. A decisión non era doada.

Que este é un asunto xa vello? Si, mais España segue a estar entre os primeiros fabricantes no ámbito da industria bélica. Véndenselle á Otan e a países da Unión Europea case as tres cuartas partes, o resto a Iraq, Arabia Saudí, Turquía, Exipto e Ucraína. Máis da cuarta parte, xa que logo, vai parar a lugares mergullados en grandes conflitos: leña ao lume onde cumprirían bombeiros. Porén, como renunciar a unha industria tan próspera? O 1% do PIB e 22.000 empregos. As cifras dos mortos valen menos, están lonxe e non vemos o sangue.

O programa dese partido, non direi o seu nome, que emerxeu do españolismo máis casposo, malia a brillantina nos xenes de moitos dos seus defensores, tampouco corre a favor da vida. Non é preciso que recorde as súas propostas máis infumábeis. En aras de que os apoien, os aspirantes a gobernar a "Junta de Andalucía" farán encaixe de Camariñas porque quererán conseguir os barcos e mais a honra (Casto Méndez Núñez, heroe da batalla do Callao: "Máis vale honra sin barcos que barcos sin honra").

Estas cousas lémbranme, máis unha vez, as palabras tatexas de Ana de Palacio nos días da guerra de Iraq, a se facer eco do seu sinistro líder. Seica a participación na contenda traería moitas ganancias e gran prestixio internacional. E, por contraste, lembro tamén a José Mujica, o que foi presidente de Uruguai. Cómpren homes coma este último para fabricar a paz.

Vida por vida ou barcos sen honra
Comentarios