viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Criatura inmoralíssima

"Os mergulladores da Marinha brasileira retiraron ás 13.30 horas de onte os corpos de Luz del Fuego e do vixía Edgar do fondo da Baía da Guanabara". Así recolle o Jornal de Brasil do 2 de agosto de 1967 a noticia do asasinato da vedette brasileira Luz del Fuego e do seu empregado. "Os dous cadáveres, despois de retiradas as vísceras á faca, foron enchidos de pedras e afundíranse a 200 metros da Ilha do Sol", relata a nova de sucesos.
Luz del Fuego. EP
Luz del Fuego. EP

O DÍA 19 de xullo, os pescadores Alfredo Teixeira Dias e Mozart ‘Gaginho’ Dias partiron para a Ilha do Sol, outrora a primeira comunidade nudista de América; desde o golpe militar de 1964, a memoria recente doutro mundo que fora posible. Os cans non deixaron que os irmáns Dias desembarcasen. Eles decidiron cortar a corda que amarraba a canoa de Luz del Fuego e levárona ata a Ilha das Capuanas, coa idea de urdir unha emboscada.

"Gaginho gritou entón, chamando a Luz del Fuego, que logo apareceu, en bragas, á beira do embarcadoiro, cun revólver do calibre 38 na man e preguntando ‘o que había’. Gaginho respondeu que a súa canoa se afastara", continúa o relato do Jornal de Brasil na voz de Alfredo Dias.

En minutos, Luz del Fuego vería arrebatado violentamente o seu alento. Tiña 50 anos.

Luz del Fuego algunha vez fora Dora Vivacqua (1917-1967), a décima quinta das 16 crianzas de Etelvina Souza Monteiro e Antônio Vivacqua, unha familia de políticos de Cachoeiro de Itapemirim, no estado do Espírito Santo. Vivacqua formaba parte da poderosa migración italiana que comezara a chegar a estas terras cafeteiras do sureste de Brasil, beixadas polo Atlántico, case que ao mesmo tempo que se aboliu a escravitude en 1888.

A grei dos Vivacqua trasládase a Minas Gerais. A meniña Dora axiña comeza a exhibir unhas opinións sobre o lugar das mulleres no mundo nas que xa pairaba Luz del Fuego. Con catro anos, Dorinha asistía cabo de Pedro Nava e Carlos Drummond de Andrade ás ‘soirées’ das elites modernistas de Belo Horizonte que a súa familia organizaba no Salão Vivacqua. Recibiu unha formación refinada en letras e ciencias; un libro no que viu representadas as sacerdotisas babilonias, envoltas en serpes, espertou dúas das paixóns que a acompañarían sempre: as cobras e a danza.

Polos ofidios deixábase fascinar unha e outra vez no serpentario do instituto Ezequiel Dias de Belo Horizonte. No que atinxe ao baile e malia recibir clases particulares de Eros Volusia, a máis célebre das intérpretes brasileiras de danza contemporánea, o seu talento para as artes escénicas era máis ben mediocre.

Luz del Fuego Descargou a munición de dous pistolóns na gran gala de entroido de rio de Janeiro

Aínda adolescente, mentres pasaba unha tempada en casa dunha das súas irmás, sofre o acoso reiterado do cuñado. A situación acaba nunha agresión sexual que, cando é descuberta, remata coa moza culpabilizada e recluída no sanatorio de Raul Soares e, asemade, nun diagnóstico de esquizofrenia co que a súa familia consegue incapacitala.

Sufriría un outro ingreso psiquiátrico na mocidade. O desencadeante non foi outro que o presentarse "vestida de Eva, cuberta só por tres follas e con dúas cobras cipós arredor dos brazos", ante o fillo do capataz da facenda dun irmán. Desta volta foi levada pola forza á Casa de Saúde do Doutor Eiras do Rio de Janeiro e, máis adiante, ao Colégio da Imaculada Conceição de Botafogo.

No entanto, nuns meses que estivera no Rio de Janeiro baixo a tutela de Attilio, o máis poderoso dos seus irmáns e a súa némese, Dora introdúcese no mundo artístico da cidade da man de César Ladeira, locutor de Rádio Mayrink Veiga, a mesma emisora que dera a coñecer a Carmen Miranda, a grande estrela internacional do Brasil dos anos centrais do século XX. Dora partilla espazos coma o Cassino da Urca coa elite carioca e comeza un romance con José Mariano Carneiro da Cunha Neto.

Javier Montes, autor da historia novelada de Luz del Fuego que vén de publicar Anagrama, ten por certo que Dora Vivacqua agochaba moito máis de Lilith, esa primeira esposa de Adán que liscou do Paraíso por vontade propia para liderar as ringleiras do lado escuro, que de Eva.

Dora nunca agardou a ser expulsada.

A primeira metade dos anos 50 foran os anos de Luz del Fuego. Todos coñecían a vedette que enlouquecía o Brasil

Era unha muller adulta que non medía un metro e medio, mais o traxe que lle fixeran a súa familia e a sociedade ben pensante quedáballe ben estreito. Raquítico.

Cando cumpre 21 anos e acada a maioría de idade abandona as monxas de Botafogo e volve buscar a Mariano no Rio de Janeiro. Estarían xuntos cinco anos e el procuraría freala —sen éxito— nos seus propósitos de pilotar avións e practicar paracaidismo. Un día, Dora descobre que o seu home a engana e pecha tamén esa porta na súa vida.

Aínda non se transformou en Luz del Fuego e Dora Vivacqua é a sensación de Rio.

En 1944 convértese na atracción principal do palco do picadeiro do Circo Pavilhão Azul. Actúa cunha parella de boas constrictor, macho e femia, ás que chama Cornélio e Castorina. "Despois de dez meses de adestramento, os animais estaban como eu desexaba. E eran os meus amigos. O macho tiña ciumes da nosa amizade e atacaba a compañeira. Fun trabada 120 veces".

Preséntase baixo o alcume artístico de Luz Divina. Aos poucos, o pallaso Cascudo, o mellor dos seus amigos, suxírelle que mude o nome de escena por Luz del Fuego, tono dunha marca arxentina de ‘rouge’ que seica empregaba Carmen Miranda. Javier Montes quere crer a lenda urbana e defende a Luz del Fuego como reverso pecaminoso da Miranda, a artista para todos os públicos.

Do Circo Pavilhão Azul pasa ao Follies de Copacabana. Luz del Fuego aproveita a súa crecente fama para poñer en orde —e por escrito— o seu pensamento. En 1947 publica Tragico black-out, unha novela ‘noir’ que transcorre durante a Segunda Guerra Mundial, na que narra a redención dunha prostituta ao namorar dun leproso. En 1948 intenta levar ao prelo o seu manifesto autobiográfico, A verdade nua, pero o libro é secuestrado pola Policía. Dous anos despois conseguiría vendelo contra reembolso.

Aproveitou o tirón para crear o Partido Naturista do Brasil (PNB) e teríase presentado á presidencia do Goberno se o seu irmán Attilio non impedise a legalización da nova formación

As súas ideas avanzadas sobre a emancipación das mulleres —aínda non lle chama feminismo, pero está aí—, o nudismo, a conciencia medioambiental e o vexetarianismo integran A verdade nua: "Non se precisa gran poder de observación para notar a diferenza entre unha persoa criada no confinamento en catro paredes e outra vivindo ao ar libre, respirando a todo pulmón un ar rico en azote e osíxeno, cheirando a sol, exteriorizando a saúde e a vida por todos os poros".

Cristina Agostinho, Branca de Paula e Maria do Brandão, autoras da biografía Luz del Fuego: A Bailarina do Povo, salientan que Dora Vivacqua era espelida abondo como para saber que o mellor atallo para a celebridade está no escándalo. "A primeira metade dos anos 50 foran os anos de Luz del Fuego. Todos coñecían a vedette que enlouquecía o Brasil e ocupaba frecuentemente as capas de xornais e revistas —a Life estadounidense, por exemplo—, xa fose nas seccións de espectáculos, xa fose nas páxinas policiais, o seu nome sempre estaba alá. A exótica Luz del Fuego era garantía certa de billeteira. Principalmente, nos sábados á tarde, cando a platea estaba composta, na súa maior parte, de fusileiros navais, estibadores, gardas civís e pequenos funcionarios. As súas actuacións levaban as masas ao delirio", escriben as biógrafas.

Ela aproveitou o tirón para crear o Partido Naturista do Brasil (PNB) —’Menos roupa e máis pão’, era o lema— e teríase presentado á presidencia do Goberno se o seu irmán Attilio non impedise a legalización da nova formación política. Non se arredou e argallou accións individuais de guerrilla urbana, como descargar toda a munición dos dous pistolóns que levaba pendurados do corpo, na Gran Gala do Entroido de Rio, ao berro de: "Non son a noiva do Brasil! Eu son a noiva pistoleira!".

Con todo, o PNB logra ser rexistrado pola Federación Internacional de Naturismo da República Democrática Alemá (RDA), á vangarda do nudismo mundial, e as influencias de Luz del Fuego permítenlle obter en concesión da Marinha brasileira a Ilha Tapuama de Dentro, que se convertiría na colonia nudista utópica da Ilha do Sol. Recibiría a Brigitte Bardot e Steve MacQueen, a Errol Flynn e Lana Turner, a Ava Gardner, Glenn Ford e César Romero, e pecharíalle as portas a Jayne Mansfield porque só estaba disposta a facer top-less.

Co golpe militar de 1964 o tempo de Luz del Fuego esgótase. Ela e os seus activismos trasládanse á Ilha do Sol. Ocórreselle pedir contas pola sobrepesca na zona. O garda portuario Hélio Luís, o derradeiro examante de Dora Vivacqua, alerta de que faltan ela e mais o caseiro Edgar. Doce días despois, Alfredo Teixeira Dias e Mozart ‘Gaginho’ Dias admiten os asasinatos. "Luz del Fuego denunciounos; foi vinganza".

Criatura inmoralíssima
Comentarios