martes. 22.09.2020 |
El tiempo
martes. 22.09.2020
El tiempo

Eloxio das mozas obreiras

Trinta anos antes do outono/inverno do Satisfyer, a adolescente de catorce anos Johanna Morrigan mastúrbase cun bote en roll-on de desodorante Mum, mercado de oferta. Non é doado atopar momentos para a intimidade e o amor propio cando no piso de protección oficial de Wolverhampton, nas West Midlands inglesas, a canda ti viven teus pais, teu irmán máis vello, dous xemelgos recén nacidos e outro irmán, de 6 anos, que dorme contigo e aínda se mexa na cama
Caitlin Moran. EP
Caitlin Moran. EP

CAITLIN MORAN (Brighton, 1975) non é a personaxe Johanna Morrigan, pero se lle imita. Teñen a mesma idade. Ambas as dúas proceden dunha familia de orixe irlandesa e criáronse na Inglaterra do thatcherismo e da reconversión industrial, nunha "cidade moribunda, empobrecida, de fábricas pechadas". A grei de carne e óso de Moran é aínda máis numerosa cá de Morrigan: oito irmás e irmáns. Na triloxía de ficción estreada con Como se fai unha rapaza (Rinoceronte) e que continúa Como ser famosa (Anagrama) a escritora e xornalista optou para a súa heroína de ficción por unha prole máis crible. "De cando en vez preguntábanme cando era nova que por que meus pais tiveran oito fillos e fillas se non tiñan recursos. Aínda hoxe non sabería dicir. O que si que teño claro é que non debes castigar aos nenos polos pecados dos seus proxenitores".

Moran é unha das columnistas e xornalistas máis influíntes do Reino Unido, con espazo semanal no The Times. Din dela que é deslinguada e explícita. Politicamente incorrecta: "O que se entende por ser politicamente correcta é non ser unha imbécil; non ser racista, non ser tránsfoba. Ser politicamente incorrecta, de verdade, é outra cousa". En 2011 a súa sona esparexeuse polo mundo adiante da man do ensaio Como ser muller (Rinoceronte, en galego; Anagrama, en castelán), un deses fenómenos literarios que acadou o logro de ser reseñado tanto en Hola.es como en Nauz.eus. Como ser muller é un manual, unha autobiografía e, ao tempo, un exorcismo concibido desde a perspectiva de xénero. E desde o orgullo obreiro.

"Na escola non che aprenden que a cultura inglesa é a cultura de clase obreira. Que o pop, o rock, o britpop, a fin de semana, saír o venres á noite coa paga na man, a socialización colectiva e The Beatles son cultura de clase obreira, como Harry Potter. Se me desen a elixir entre salvar Stonehenge e a JK Rowling (autora de Harry Potter), elixiría a Rowling". O pai de Caitlin Moran, amais de músico — "e hippie"— foi un líder sindical antes de quedar incapacitado pola artrose. "Os seus oito fillos, hoxe adultos, devolvémoslle con creces ao Estado, por vía de impostos, o que algunha vez nos deu".

Ela está certa de que se conseguiu ser "membro produtivo da sociedade" foi grazas aos subsidios sociais, a única fonte de ingresos da súa familia, e porque tivo a oportunidade de "autoeducarse" en bibliotecas públicas. Foi só tres semanas ao instituto. Ao chegar a un modo de coñecemento non mediatizado polo canon, a moza Moran non lía obras escritas "polos Grandes Homes Brancos: Faulkner, Chandler, Hemingway, Roth. Os canonicamente brillantes. Os varóns nelas son brillantes, listos, peculiares, atractivos, complexos; as súas historias atrápante, as súas voces son imparables. O fulgor e o estilo son innegables".

"Quizais por iso houbo máis felicidade en min, máis confianza sobre escribir a verdade e unha menor tendencia que en moitas, moitas outras mulleres a esborrallarme pola miña aparencia, o sobrepeso, o feito de ser ruidosa e extravagante", sentenza Moran nun artigo para a editorial Penguin, no que, asemade, recomenda que as nenas e as rapazas nin se lles acheguen as creacións do canon masculino, branco e occidental "alomenos” ata que sexan “máis vellas, completamente formadas e bregadas nun milleiro de lecturas".

En 1990, cando ela tiña 14 anos: "Os únicos dous referentes femininos eran Margaret Thatcher e Courtney Love"


Con todo, Caitlin Moran considera que ser agora unha moza “é máis doado” ca en 1990, cando ela tiña 14 anos. “Os únicos dous referentes femininos eran Margaret Thatcher e Courtney Love”. Aos 16 anos, cando quixo buscar editorial para o seu primeiro libro, a fantasía As crónicas de Narmo, botou man dunha delas: “Pensa como o faría Courtney Love; mente como se fose verdade”. Naquela altura, en 1992, a adolescente Moran xa acadara o primeiro premio nun certame de ensaio da libraría londiniense Dillons e o galardón de mellor reporteira nova do The Observer, que lle abriu unha carreira na revista musical Melody Maker antes de cumprir os 17. "Eu gañei a miña carreira profesional nun concurso", chancea a cotío.

Talvez para que as mulleres novas teñan hoxe máis modelos, Moran bosquexou unha Johanna Morrigan que se odia a si propia: "O que quero ser aínda non está inventado". Neste segundo volume da triloxía, Johanna traballa baixo o alcume de Dolly Wilde para a prensa musical. Vive en Londres e acode a garitos onde xogan ao billar os Blur. Asiste ás discusións familiares dos Gallagher de Oasis no backstage dos concertos. É 1994. Atrás quedaron o Riot Grrrl e as bandas de mulleres cabreadas. O grunge empeza a resultar sombrizo. E acaba de suicidarse Kurt Cobain. Esa primavera, a mocidade inglesa quere cousas chispeantes e solleiras, e entrégase ao Parklife —Vida de parque, o nome do terceiro álbum de Blur—. Como ser famosa é unha novela que se le con lista de reprodución, publicada na web Caitlin Moran| Bestselling Author Of How To Build A Girl, e achega moito Blur e moito Oasis, pero tamén Hole, The Afgan Whigs, Jane’s Addiction, The Prodigy, Morrisey, Joni Mitchell, Björk ou Massive Attack.

Johanna é máis burbulleante cá Moran adolescente. "Cando levas un talle 100-E de suxeitador supónseche unha vida sexual", sentenza a protagonista na novela. A escritora admite que si, que ela foi unha reporteira de 16 anos e case que cen kilos que se mudou a Londres desde as West Midlands, como Johanna, pero "unha chea dos penes que ela atopa non son os que eu atopei; son penes que atoparon as miñas amigas". Para darlle esa voltiña a súa heroína, a escritora tomou prestada a personalidade de Julie Burchill, tamén precoz xornalista musical de clase obreira, que se volveu máis famosa cás bandas que entrevistaba. "Pensei que a personaxe sería máis divertida se fose un pouco menos eu. Eu só estaba nun recuncho da redacción, moi tímida, como: ‘Gústame moitísimo Crowded House, querería alguén ser o meu amigo?’".

A industria e os medios musicais dos 90 conforman un mundo moi masculinizado. De tíos. "Quen me dera que fose menos britpop e máis titpop (tetapop, literamente)", asevera Caitlin Moran. Xa no ensaio Como ser muller, establecía que un dos erros máis habituais das mozas que se abren paso nun ecosistema así é pensar que elas poden ser "un dos muchachos", que as deixarán entrar na cabana da árbore ou no club de fumadores de cigarros habanos porque son especiais. Spoiler: Nunca sucede; ben deitarás de procurar amigas, compañeiras, colegas, que te acubillen cando veñan mal dadas, que che termen do pelo cando teñas que trousar.

"Viaxemos a 1993, cando unha moza se construía a partir de tinte vermello para o pelo, un chapeu de copa, vinte clásicos crocantes do indie e unha Jo March de Mulleriñas imaxinaria"


O paraíso perdido adolescente dos bloques de protección oficial, da raia do ollo como ás de corvo, as cintas de cassette e ese devecer por un encontro tórrido coa estrela musical do momento son o material que nutre a ficción de Caitlin Moran. Xa acontecía en Raised by Wolves, a serie que escribiu a catro mans coa súa irmá Cassandra e da que se emitiron dúas tempadas en Channel 4. Despois de estrearse o pasado verán no Festival de Cine de Toronto, a película inspirada en Como se fai unha rapaza—guionizada pola autora e dirixida por Coky Giedroyc—, pechará en marzo o Glasgow Film Festival. "Viaxemos a 1993, cando unha moza se construía a partir de tinte vermello para o pelo, un chapeu de copa, vinte clásicos crocantes do indie e unha Jo March de Mulleriñas imaxinaria que lle dá consellos nos momentos chave", avanzaba a xornalista na súa conta de Twitter esta mesma semana.

Ás mozas como a que foi Moran se lles adoita negar o papel protagonista. E, por riba, a autora dise tamén un pouco farta da caricatura da estrela rock británica. "Póñennos fraquiños e cretinos con pantalóns pitillo de coiro, como un mal remedo de Mick Jagger; eu quería rememorar eses tipos que coñecín: de clase obreira, encantadores, espelidos, autodidactas, ben vestidos por catro pesos...". E así naceu John Kite, o obxecto dos desexos de Johanna. "Estou tan namorada deste personaxe que inventei que preciso saber que está vivo para deitarme con el", sostén Caitlin Moran. Johanna Morrigan, desde as páxinas de Como ser famosa, dálle a réplica: "Semellas unha fan, unha adolescente furibunda, toleirá e berrallona. E non se pode ser nada mellor ca iso".

Eloxio das mozas obreiras
Comentarios