sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

De San Quevin a Thanksgiving

SERENNA TEN dez anos e a súa familia é de Scottsdale, Arizona. Hai uns días quedou alucinada cando lle dixen que eu nunca celebrara o Día de Acción de Grazas. Se non pasa nada, hoxe prepararemos unha salsa de arandos vermellos e unha torta de cabaza, porque o consorte e mais eu estamos convidados á nosa primeira cea de Thanksgiving por Serenna e Luke e polos seus pais, Lindsay e Adam.

Unha ollada rápida á Wikipedia habilítame para contarlles que o do Día de Acción de Grazas foi unha reacción anglicana ao exceso de festas dos católicos. Calvinistas, presbiterianos e demais puritanos tiñan por certo que ata o día de Nadal e a Pascua eran un exceso e debían substituírse por xornadas de xaxún. A tradición cruzou o Atlántico da man das primeiras familias colonas, escollidas entre as anteditas faccións máis austeras dos seareiros do cisma de Henrique VIII.

A celebración estadounidense de Acción de Grazas disque é debedora da que tivo lugar en 1621 en Plymouth, Massachussetts, onde chegou unha comunidade de puritanos separatistas a bordo do Mayflower a principios do sé- culo XVII. Decimada a poboación inglesa, as xentes que naquela altura habitaban ese recuncho de Norteamérica, os wampanoag, decidiron compartir cos visitantes os seus alimentos e aprenderlles as técnicas do cultivo de millo e de pesca. Que, digo eu, se soubesen os traballiños que lles habían dar aqueles fillos da Gran Breta- ña, se alguén cunha bóla de cristal os tivese advertido da que se lles viña enriba, ao mellor o conto era outro.

Os wampanoag non foron quen de albiscar que aqueis rostros esbrancuxados con tan mala dentadura rematarían case que por exterminalos e reducilos a unha reserva e un casino en Martha’s Vineyard, onde os Obama pasan as vacacións. George Washington instauraría en 1777 o Día de Acción de Grazas como festa nacional. Era algo que os estadounidenses tiñan para si ata que o século XX esparexeu urbi et orbe o cine, a televisión e a cultura pop anglocentrista, cos seus pavos indultados, o recheo, as noces pecanas, o puré de patacas, a broa de millo e a empanada de mazá.

Os wampanoag non sabían o que se lles viña enriba aquel día de 1621

Á columnista británica Caitlin Moran linlle o ano pasado que o Día de Acción de Grazas é un incordio que desencadea que todas as sitcoms estadounidenses nos veñan a derradeira semana de novembro con capítulos temáticos totalmente prescindibles e con tramas que non avanzarán un milímetro. A outros, como Arturo Pérez Reverte, sublévaos na súa españolidade que as profes de inglés —ai, as profes de inglés, entre o Halloween e isto, pura vangarda do mal— animen a picarada a festexar Thanksgiving nas escolas.

O que non saben os alatristes é que as últimas pescudas sobre Acción de Grazas falan de experiencias anteriores á de Plymouth, xa no século XVI, e promovidas por —vaia xiro de guión— súbditos da coroa de Castela. O vasco Juan de Oñate organizou unha misa —católica, claro— logo dunha penosatravesía polo deserto de Chihuaha. Os colonos fixeron unha churrascada cos jumanos en San Elizario, Texas. Era abril de 1598. Os historiadores Robyn Gioia e Michael Gannon remóntase a 1565 para situar a primeira Acción de Grazas no territorio hoxe rexido por Donald Trump. Ocorreu en San Agustín de la Florida e o asturiano Pedro Menéndez de Avilés argallou un convite para os timucua con carne de porco curada, garavanzos e repolo. Con viño tinto. O que vén sendo un cocido, vaia.

O menú semella que nin feito á encarga para as boas xentes do Galitwitter, que desde hai uns aniños andan ás voltas para reivindicar a festa que celebra a amizade entre celtas e suevos. Que nin idea? Si, ho. O San Quevin. Ou Sam Quevim. Ou São Kevin. No do ‘naming’ non acabamos por poñernos de acordo, amigas, pero todo se andará.

De San Quevin a Thanksgiving
Comentarios