lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Cousas da vida

SABIDO É que o sintagma "cousas da vida" é tamén o título dunha obra de Castelao na que debuxos e textos asociados amosan, dende un fondo humor comprometido coa xustiza, a realidade social da Galiza vivida e coñecida polo autor. E moitas veces Castelao abonda na denuncia e na sátira, no sarcasmo mesmo, para trasladarnos aspectos de carácter comunitario que retratan perfectamente, de xeito substantivo, a nosa existencia, a nosa posición crítica diante do mundo que nos afecta.

Eu síntome confortado imaxinando un encontro entre as 'Cousas da vida de Castelao' e o pensamento sociolóxico de Pierre Bourdieu

En realidade, Castelao, a través das súas "cousas da vida", levou a cabo unha grande reflexión de carácter ético-filosófico, sabendo ademais que filosofar (Wolfram Eilenberger) non deixa de ser un acto subversivo. Mais a expresión "cousas da vida" provócame a evocación daqueles versos de António Bandarra, poeta portugués do século XVI, que din: "Mui grandes cousas veremos,/ as quais verá quem viver". Xustamente.

O filósofo John Locke, interpretado por Leo Strauss, defendía con grande autoridade a preservación dos dereitos inalienábeis do home de calquera agresión externa, xa for esta colectiva ou individual. E sostén o filósofo inglés do século XVII o principio de que "ningún home se someta á vontade de outro sen o seu consentimento". E engadía aínda máis: "Ao ser todos iguais ninguén debe danar a outro na súa vida, a saúde ou a liberdade".

Cousas veremos. Porque ben identificamos, e sempre nolo lembrou Eduardo Galeano, que John Locke, o filósofo da liberdade, era accionista da Royal African Company, unha empresa mercantil inglesa, creada pola familia real Stuart, que compraba e vendía seres humanos como escravos. Así son as cousas. Como tamén sabemos (Galeano lémbranolo) que o primeiro dos borbóns, Felipe V, a comezos do século XVIII, estreou o seu trono asinando un contrato co seu curmán, rei de Francia, para que a Compagnie de Guinée vendera negros en América. Xa daquela cada monarca obtiña un 25 por cento en comisións polas ganancias producidas.

Eu, permítanme vostedes, síntome confortado imaxinando un encontro entre as Cousas da vida de Castelao e o pensamento sociolóxico de Pierre Bourdieu, dende a súa crítica social na obra A miseria do mundo (1993) aos cursos que este deu no Colexio de Francia entre os anos 1989 e 1992, publicados finalmente baixo o título Sobre o Estado. Leamos a Castelao e a Bourdieu para entendermos mellor o "monstro frío" das cousas da vida.

Cousas da vida
Comentarios