Opinión

Cultura ausente

NON, NON interesa moito, no plano político, a cultura. O filósofo Nuccio Ordine maniféstao con toda claridade e contundencia: "Os políticos matan a cultura porque desprezan a cultura, mais tamén porque lle teñen medo". Un pensa, realmente, que non todos os políticos desprezan a cultura, porque os hai que se preocupan por ela e mesmo a desfrutan ou cultivan, mais o certo é que unha boa maioría deles mostran subestima, cando non menosprezo, pola cultura como materia viva e necesaria. Por suposto que hai —e eu son o primeiro en recoñecelo— temas fundamentais e ineludíbeis, madia leva, na acción política: a educación, a sanidade, a economía, a xustiza social ou a igualdade, entre outros. Mais tamén está a cultura. E a ciencia.

Na inmensa maioría dos debates políticos que se producen no extenso territorio da "pell de brau" a cultura está practicamente ausente. É dicir, a preocupación polo tema cultural non existe. ¿E como é posíbel isto sendo que o sector cultural representa en España o 3% do PIB, empregando case 700.000 persoas en máis de 100.000 empresas? No caso de Galicia, a industria cultural supón o 2% do noso PIB, moi próximo ao da pesca, que é o 2,1%. Mais, aínda así, a cultura, como realidade e como riqueza, non interesa, non ten cabida nos discursos políticos.

O certo é que a incidencia real na cultura por parte do poder político no Estado español —lémbrao o filósofo José Antonio Marina— foi, xa instalados no período democrático, "pobre e errática"; e iso ten acontecido, e segue a acontecer, porque existe temor ou desconfianza cara o labor cultural e todo o que teña que ver coa creación e o pensamento, o que comporta, obviamente, a 'invisibilización', cando non negación ou aniquilación, de todo o relacionado coa cultura. ¿Por que a cultura, na súa dimensión política e social, ten desaparecido practicamente dos discursos electorais e mesmo, en moitos casos, dos programas dos partidos políticos? ¿Podería existir a Galicia que coñecemos hoxe, por exemplo, sen a súa poesía medieval, sen Pardo de Cela, o Mestre Mateo, Rosalía de Castro, Francisco Asorey, Xoán Montes ou Antonio Palacios?

En todo isto da cultura ausente ou desaparecida das ideas e da vida política, en xeral, acerta de vez o director de cinema Fernando Colomo cando di taxativamente que os políticos, agás sinaladas excepcións, non falan de cultura pola súa falta de cultura.