Opinión

Cunqueiro e Mondoñedo

O PROPIO Cunqueiro, referíndose á súa patria natal, recomendaba a un posíbel visitante dese seu espazo orixinario que se deixase "aloumiñar polo silencio", que o viaxeiro se mesturase "co silencio da cidade e do val e da pausa do noso cotián vivir" se quixese recibir de Mondoñedo o galano das súas máis íntimas esencias. E nese silencio escénico, apracíbel e vital, habitado e sentido, hai que aprender a percibir tamén —engade o sabio escritor— "unha música antiga que anda no aire, na auga das fontes, no eco das campás".

Curiosamente Manuel María tamén se referiu á cidade de Mondoñedo cualificándoa como "íntima, inmóbil e silenciosa", pálida camelia feita de luz e de nostalxia, mais esa Mondoñedo que foi unha das sete capitais do antigo Reino de Galiza e que foi berce tamén, sen nos esquecer de Monterrei, da imprenta no noso país, aínda hoxe, en certa maneira, a pesar do seu importante patrimonio histórico e artístico, coa Catedral á cabeza, é unha cidade en boa parte descoñecida, ou esquecida, en Galiza e fóra dela. E enténdaseme ben. Tendo Mondoñedo verdadeiros tesouros patrimoniais, sendo dono dunha densa historia e posuíndo unha riqueza cultural e literaria de gran magnitude —velaí Cunqueiro, que é todo un 'planeta' en si mesmo—, non obtén Mondoñedo a resonancia xusta e necesaria, o coñecemento debido e a identificación precisa que merece un dos espazos máis fermosos e engaiolantes do noso país.

O traballo realizado por Armando Requeixo non ten prezo. É un acto erudito e un acto de amor á súa terra

Por iso eu saúdo, como auga de maio, a obra que Armando Requeixo, mindoniense de raíz, acaba de nos ofrecer a lectores e lectoras, a turistas visitantes e a seres curiosos, co título de "Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria". O profesor Requeixo foi quen de tramar en 190 páxinas unha auténtica guía de Mondoñedo, que aínda sendo "literaria" —el así a denomina— é tamén histórica, monumental e eu tamén diría didáctica. E todo ese corpus completo e acabado, en textos e imaxes, está presidido pola figura eminente de Cunqueiro, convertido el en "guieiro" altísimo da súa cidade, e acompañado no percorrido mindoniense polas figuras senlleiras de Pascual Veiga, Lence-Santar, Leiras Pulpeiro e Noriega Varela.

O traballo realizado por Armando Requeixo non ten prezo. É un acto erudito e un acto de amor á súa terra. E eu estou desexando ir a Mondoñedo co libro de Requeixo na man e deixarme levar pola luz e a nostalxia da cidade que sempre nos agarda.

Comentarios