viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Cunqueiro en Elsinor

ALBERTO RUIZ de Samaniego dános noticia, a través dun texto escrito no ‘Libro das Faces’, da visita que Álvaro Cunqueiro realizou ao castelo de Elsinor unha tarde de xuño de 1970. O propio Cunqueiro quixo deixar constancia escrita de tal visita, certificada polo doutor Joan Obiols e polo escritor Néstor Luján, compadres na aventura, e acompañou a tal acta de viaxe á Dinamarca shakesperiana dunhas follas de carballo collidas mesmo no foxo exterior do castelo de Kronborg, a fortaleza na que Shakespeare sitúa a traxedia do príncipe Hamlet. A documentación sobre a peregrinaxe cunqueirán a terras danesas, por certo, está na actualidade depositada na Fundación Penzol. 

A min xa me falara Manuel María do periplo de Cunqueiro polo Reino de Dinamarca á procura da sombra de Hamlet, mais Ruiz de Samaniego deixa establecido que a experiencia do escritor mindoniense podemos contemplala como unha «viaxe no tempo», e aí emerxe o mito e o soño poético, a proba física (as follas de carballo que puido ter visto o propio Hamlet) e o valor fantástico, quimérico, do existir. Ou dito doutro xeito: o mito intemporal convertido en narración existencial, o que resultaba invisíbel transformado en visíbel. Cunqueiro en estado puro. 

O Hamlet escandinavo, que Shakespeare recupera de vellos escritos do historiador dinamarqués Saxo Grammaticus (o príncipe ‘Amled’ pasará a ser Hamlet), acabará reencarnándose por vía literaria no teatro de Cunqueiro, e a súa obra ‘O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca’ (1958) pasará a ser un dos grandes fitos teatrais do século XX, sen nos esquecer do ‘Hamlet Machine’ (1979) do alemán Heiner Müller, traducido ao galego e levado á escena por outro xenio teatral contemporáneo, Manuel Lourenzo. 

O director catalán Ricard Salvat, que escenificou con grande éxito en Galicia o ‘Hamlet’ de Álvaro Cunqueiro (Centro Dramático Galego, 1991), deixou dito que a achega do mindoniense ao mito hamletiano era dunha «estrañeza que pode levar á irritación», pois Cunqueiro, como Shakespeare, ‘é unha fervenza verbal’. Eu diría que o ‘Hamlet’ de Cunqueiro é un dos textos teatrais máis fermosos e profundos do noso tempo. E estou de acordo coa profesora María Liñeira cando di que o ‘Hamlet’ cunqueirán é o resultado do programa político, culturalista e universalista que o autor concibe como solución aos males endogámicos da literatura galega.

Cunqueiro en Elsinor
Comentarios