Opinión

Dialécticas da razón política

DEFINE O filósofo francés Jacques Rancière a política como a constitución dunha esfera de experiencia específica onde se postula que certos obxectos son comúns e se considera que certos suxeitos son capaces de designar tales obxectos e de argumentar sobre o seu tema. E engade o pensador: "Mais esta constitución non é un dato fixo, baseado nunha invariábel antropolóxica. O dato sobre o que se apoia a política sempre é litixioso".

Na miña experiencia política sempre me atopei con persoas que, na súa mentalidade política, crían estar sempre en posesión absoluta da razón e da verdade. E, moitas veces, esa forma de posesión do auténtico, do real veraz, viña acompañada de maneiras próximas á altiveza cando non directamente de soberbia persoal. Querer ter razón sempre, algo que ten raíces en eivas de carácter psicolóxico producidas seguramente no período infantil ou adolescente, non deixa de ser unha enfermidade de natureza crónica: o "eu teño razón, ti estás equivocado", que tanto se utiliza e que denota un programa mental cando menos tinxido dunha patoloxía asociada a un puritanismo inexorábel e testán.

Na miña experiencia sempre me atopei con persoas que, na súa mentalidade política, crían estar en posesión absoluta da razón e a verdade

¿Como detectar unha personalidade afectada -seguimos no ámbito do político- por graos elevados de pureza construída como identidade ou puro ego actuante fronte aos demais? Eva Illouz, nun interesante libro titulado Intimidades congeladas. Las emociones en el capitalismo, fala, partindo de Georg Simmel, da existencia de persoas que presentan unha mistura de reserva, frialdade e indiferenza na súa actitude vital fronte a unha parte considerábel dos seus próximos. Sen entrarmos na síndrome de Hubris e as súas diferentes dimensións, a persoa politicamente pura vive tamén afectada por unha dose tóxica de narcisismo, imaxinando convencida que o que ela pensa sempre é o correcto e todo o que pensan outras persoas inmediatas non o é, pasando un número importante destas, polo tanto, a seren inimigas, sospeitosas, contrarias, rivais ou adversarias.

Na vida política, e nos ámbitos das esquerdas, particularmente, sobran as actitudes sectarias e egocéntricas, a insolencia renarte e todas as variantes do menosprezo e do abafallo até a afronta. E a prepotencia. A sensación de grandiosidade persoal até o ridículo e a falta absoluta de empatía. Ou, como expresaba o Sigmund Freud máis antropólogo, o narcisismo das pequenas diferenzas (políticas).

Comentarios