Opinión

Diálogo democrático urxente

O diálogo en Cataluña e con Cataluña é urxente. Democraticamente urxente. Non hai outra saída posíbel. Diálogo e razón. Diálogo e consenso. Diálogo e verdade

SON MOITOS os filósofos e os sociólogos, entre eles Boaventura de Sousa Santos de xeito principal, que falan da necesidade de "democratizar a democracia". E unha das vías existentes para democratizar a democracia é, sen dúbida, a disposición ao diálogo e ao acordo. Como ben di a profesora mexicana Laura Baca Olamendi, discípula de Norberto Bobbio, na maioría das sociedades autoritarias o diálogo é substituído moitas veces polo "monólogo", e este imponse cando ao expoñer postulados políticos propios se acaba excluíndo aos demais interlocutores, quen con frecuencia deixan de ser adversarios para converterse en inimigos irreconciliábeis aos que se procura eliminar.

¿É a sociedade española, dada a actitude dalgúns dos seus principais políticos e partidos, unha sociedade autoritaria? Un sistema político democrático, engade a profesora Laura Baca, caracterízase por tolerar todos aqueles cambios dos seus principios substanciais que son compatíbeis coa gobernabilidade: "A tolerancia encarna a procura incansábel da necesaria compatibilidade entre posicións diferentes, e colócase, polo tanto, no ámbito da cidadanía cando se presenta como un compoñente fundamental da política que contribúe a privilexiar o método de persuasión para a solución dos conflitos".

Todo o expresado anteriormente está en relación directa, semella obvio, coa resposta que unha parte moi considerábel do pobo catalán lle está a dar á sentenza do Tribunal Supremo. E vaia por diante que, diante da tensión existente, fago miñas as palabras, moi recentes, do exdeputado no Congreso Joan Tardà: "Esta tensión debe inquietarnos, mais debe comprometer a todos os demócratas a manter no frontispicio da actuación política o respecto ao outro e a proclamar, ao mesmo tempo, que ningunha violencia é admisíbel».

O diálogo en Cataluña e con Cataluña é urxente. Democraticamente urxente. O Goberno que saia das eleccións do 10-N debe sentar as bases ineludíbeis para un diálogo democrático que permita solucionar o conflito existente. Non hai outra saída posíbel. Diálogo e razón. Diálogo e consenso. Diálogo e verdade. A fe na razón, expresaba o filósofo italiano Norberto Bobbio, implica confianza na discusión, nos bos argumentos, na intelixencia que dirime as cuestións escuras, en contra da paixón que as fai mesmo máis túrbidas e en contra da violencia que elimina dende o inicio a posibilidade do diálogo.