Opinión

Educación e violencia

AFIRMA O PSIQUIATRA Luis Rojas Marcos que a semente da violencia prolifera nos primeiros anos de vida, desenvólvese durante a nenez e comeza a dar os seus froitos perversos na adolescencia. ¿É a violencia, pois, connatural ao ser humano? Investigadores hai como Charles Darwin ou Konrad Lorenz que así o cren, e o mesmo Sigmund Freud chega a teorizar sobre a existencia na especie humana dunha pulsión de agresión ou de destrución.

Na actualidade asistimos a manifestacións de diversas formas de violencia 'in crescendo' tanto no ámbito educativo como na sociedade en xeral, mais, en certa maneira, dende o acoso escolar á agresión homófoba ou xenófoba, aínda sendo condenadas cando se ten noticia delas, estas formas de violencia teñen un alto grao de invisibilidade ou, en moitos casos, tenden a naturalizarse. Gérard Imbert, analista sobre as novas formas de violencia, fala da existencia dun certo "habitus violento", que define como "todo canto no entorno sociocultural e nas representacións da violencia contribúe a conformar un universo simbólico que participa dunha cultura da violencia".

E nesas estamos, na nosa sociedade actual, en patróns de comportamento medidos por modelos e estereotipos sociais (velaí a influencia de determinados programas e 'series' de televisión), códigos e universos simbólicos que reproducen en diversos planos culturais os comportamentos violentos: maltrato físico ou emocional, abusos sexuais, maltrato económico, formas de vandalismo e outras expresións de violencia psicolóxica, moral ou política.

Sen dúbida, o mellor antídoto contra a violencia é a educación, e, conseguintemente, a instrución e o coñecemento cultural que deberan ir unidos a esta. Mais hai que preguntarse se na sociedade actual existe, xa nas familias e na escola, unha verdadeira educación para a non violencia. ¿Reciben os nenos unha educación e un ensino que lles axude a entender e practicar os beneficios, por exemplo, do diálogo para evitar o enfrontamento? ¿Existe algún tipo de control da violencia que se expresa nos medios de comunicación, programas de televisión e videoxogos en primeiro plano? ¿Pode a sociedade do século XXI permitir que cada ano mil millóns de nenas e nenos no mundo sufran violencia? É preciso educar contra a violencia dende a nenez, por suposto, mais tamén é preciso, con toda urxencia, reeducar os adultos e cambiar a sociedade.

Comentarios