martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Feminismo

O feminismo supón unha toma de conciencia das mulleres como colectivo humano diante da dominación, explotación e opresión operada polo sistema patriarcal
 

EU, DEBO CONFESALO, fíxenme feminista lendo, en edición arxentina e na última fase da miña adolescencia -aí tamén me fixen lector de textos filosóficos para sempre-, a obra de Simone de Beauvoir O segundo sexo (1949), considerada no seu día, por algúns, un texto indecente e até pornográfico, e incluída pola Igrexa Católica no Índice de Libros Prohibidos. Eu consideraba naquel entón que estaba diante dun texto de carácter filosófico centrado na realidade existencial da muller, e o ensaio ou exploración filosófica da autora víase enriquecido -velaí tamén o pracer inmediato da lectura- por apelacións varias de carácter histórico, antropolóxico, literario e humanístico.

E hai un fragmento da obra de Simone de Beauvoir, fundadora, sen dúbida, da filosofía feminista actual, que eu considero básico: "O que define de forma singular a situación da muller é que, sendo como todo ser humano unha liberdade autónoma, descóbrese e elíxese nun mundo no que os homes lle impoñen que se asuma como a alteridade; é dicir, preténdese petrificala como obxecto, condenala á inmanencia, xa que a súa transcendencia será permanentemente transcendida por outra conciencia esencial e soberana. O drama da muller é este conflito entre a reivindicación fundamental de todo suxeito que sempre se afirma como esencial e as esixencias dunha situación que a converte en inesencial" A cita é longa, mais, na miña opinión, decisiva. Porque, en boa parte, a reflexión da filósofa francesa segue a acertar e marcar a realidade actual, xa en pleno século XXI.

Non hai dúbida ningunha de que o feminismo, como movemento público e social, tivo as súas raíces na Revolución Francesa e na Ilustración, aínda que Olympe de Gouges, que escribiu unha "Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadanía" como resposta á "Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán", acabou sendo sentenciada e guillotinada polo seu "atrevemento". Na actualidade, dito de forma inmediata, o feminismo é un compromiso a prol da igualdade política, social, cultural e económica entre as mulleres e os homes, mais tamén é un movemento universal (e "político") que supón unha toma de conciencia das mulleres como colectivo humano diante da dominación, explotación e opresión operada polo sistema patriarcal. Ou como expresou a filósofa Angela Davis: "O feminismo é a idea radical que sostén que as mulleres somos persoas".

Feminismo
Comentarios