jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

Foro La Toja

O Foro La Toja, así denominado con ánimo castelanizante e pailaroco, debería levar o nome fino e delicado de Foro La Aliaga

EXISTE O río Toxa na Silleda pontevedresa, e é ben coñecida a Fervenza do Toxa na parroquia de Pazos. O topónimo A Toxa tamén o atopamos en Vimianzo, Zas, Touro, Pontecesures ou Santa Comba. E non é descabelado pensarmos que a Illa da Toxa fose no seu día un espazo ateigado de ‘toxos’, que en castelán serían ‘aulagas’ ou ‘aliagas’. Por iso o Foro La Toja, así denominado con ánimo castelanizante e pailaroco, debería levar o nome fino e delicado de Foro La Aliaga, aínda así para disimular un bocadiño máis a ilegalidade na que incorren os organizadores de tal evento, incumprindo a toponimia oficial de Galicia. (Ollo: tamén o topónimo A Toxa pode derivar dun hidrónimo prerromano, entendido como ‘lugar lamacento’).

¿Por que agredir e desprezar, a estas alturas do século XXI, os topónimos ben nosos e universais? ¿Ninguén lle fixo ver aos organizadores que o uso da toponimia en Galicia está fixado por lei? ¿Acaso pensan que utilizando La Toja se fan máis selectos e elegantes, cando o certo é que están a caer nun sabido neofranquismo lingüístico e nun xeito de expresión que é un insulto á intelixencia e á estética das linguas? Se queren utilizar o nome en castelán, xa saben, utilicen Aliaga; se queren acudir ao galego-portugués empreguen A Toja, e se deciden cumprir coa lei vixente dispoñan do rótulo Foro da Toxa, pois é esta última forma a que mellor soa e representa o noso ser e a nosa modernidade.

Mais o pouco eufónico Foro La Toja, claramente disonante na súa marca toponímica e sen respecto ningún pola legalidade, foi noticia tamén días atrás polo seu nulo compromiso democrático coa igualdade de xénero: de 40 participantes activos só 4 eran mulleres. Na propia presentación oficial do Foro (só en castelán e en inglés) dise que está "orientado á excelencia e á pluralidade", e defínese como unha cita de referencia no debate intelectual e académico, e como un espazo para fomentar o intercambio de ideas e experiencias. ¿Debate intelectual e académico sen mulleres? ¿E refírense textualmente a "un modelo humanístico que protexe ao ser humano concibido como un ser único e cuxos dereitos e liberdades han de ser preservados", sen mulleres?

O Foro La Toja, ademais de deturpar o topónimo e incumprir a legalidade vixente dende o ano 1983, proxéctase tamén como ágora misóxina. En nome da democracia e da intelixencia deberan corrixir semellante desaguisado.

Foro La Toja
Comentarios