Opinión

2018

CHEGOU, E ben chegado foi,  o ano 2018 da 'vulgaris era', que deste xeito (‘common era’, en inglés), aínda mantendo a datación cristiá, tamén se coñece o indicador xeral do calendario vixente nos nosos lares. O 2018 comezou en luns no denominado calendario gregoriano e vai ser un ciclo de doce meses que nos vai permitir dar conta, entre outras efemérides, dos centenarios da fin da Primeira Guerra Mundial (11 de novembro) e da I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo nos días 17 e 18 de novembro dun ano, o 1918, no que tamén tivo lugar a coñecida como 'gripe española', pandemia esta que na provincia de Lugo, por certo, rexistrou 110 falecementos por cada 10.000 habitantes. 

Sen dúbida, neste ano 2018 acontecerán moitas cousas, unhas de signo positivo e outras de signo negativo, pois de todo haberá, mais, como nos lembra o psiquiatra William Menninger, vivimos en xeral rodeados de vastas evidencias de inadaptación e infelicidade, porque nun contexto social de tensións e egoísmo faise ben presente o sufrimento físico e emocional que afecta a unha gran maioría de seres humanos, sabendo ademais —valla este exemplo— que no caso das persoas desempregadas entre un 60 e un 80 por cento delas, antes ou despois, acabarán manifestando signos definitivos de enfermidade mental. ¿Será isto certo?

O evidente é que no 2018 vai seguir habendo fame no mundo, do mesmo xeito que o racismo, a contaminación, as guerras e a pobreza van seguir sendo verdadeiras lacras dun mundo que non deixa de ser profundamente inxusto e desigual. Leo nunha revista que a Nasa lanzará en maio deste ano a misión InSight, que chegará a Marte en novembro para investigar sobre a formación do Planeta Vermello. E, por outra banda, a Axencia Espacial Europea enviará no mes de outubro a súa primeira sonda a Mercurio, o planeta máis próximo ao Sol e o menos explorado. ¿Acabarase comprobando no ano 2018, con luces e taquígrafos, a existencia da 'materia escura'? 

O que si sabemos con meridiana seguridade é que no 2018 vai haber eleccións presidenciais en Costa Rica, Colombia, Paraguai, México, Brasil e Venezuela. E tamén en Rusia e en Finlandia. E haberá eleccións de consulta popular en Ecuador e lexislativas en O Salvador. A historia continúa. E como dicía Ernst Bloch, que publicou 'O espírito da utopía' no ano 1918, "sen esperanza non hai acción, mais sen acción non hai esperanza". Seguimos.

Comentarios