Sábado. 16.02.2019 |
El tiempo
Sábado. 16.02.2019
El tiempo

O triunfo da mentira

A mentira vive hoxe tempos plenamente propicios e non hai moito soubemos que Donald Trump é capaz de dicir un mínimo de 15 mentiras políticas diarias
 

XA O NOSO poeta medieval compostelán Airas Nunes, que viviu entre os anos 1230 e 1289, deixou escrito en verso que venceu o tempo aquilo de "porque no mundo minguou a verdade", dando fe a todas luces da existencia dunha crise social da verdade, que para moitos é a causa de todas as crises. Moitos séculos despois filósofos como Charles S. Peirce, Karl-Otto Apel ou Habermas salientaron unha forma de verdade, imprescindíbel esta, que viña dada pola necesidade dun diálogo que permitía descubrila en colaboración, en cooperación, algo que chegou a atinxir a consideración dunha teoría consensual da verdade.

Neste tempo "líquido" que vivimos, como diría Zygmunt Bauman, puxéronse de moda as "fake news" (noticias falsas) e a "post-truh" (posverdade), que non é outra cousa, esta última, que unha forma de mentira "política" que soubo definir con acerto e humor unha viñeta da revista estadounidense New Yorker que dicía o seguinte: "Este foi o prognóstico meteorolóxico demócrata, e a seguir veremos o prognóstico meteorolóxico republicano".

O certo é que a mentira vive hoxe tempos plenamente propicios e non hai moito soubemos, por exemplo, que Donald Trump é capaz de dicir un mínimo de 15 mentiras políticas diarias, moitas delas, aínda sendo flagrantes, celebradas por unha parte do público con absoluta naturalidade, condescendencia e beneplácito. E non se trata, neste caso, de "ocultar prudentemente a verdade" por razóns diplomáticas, como diría Agostiño de Hipona, senón de practicar até o máximo extremo o "falsiloquio", a mentira material e a mentira formal.

Nos tempos presentes que vivimos, convulsos, excitados e violentos en tantas formas como adquire a violencia no eido social da falsidade e da falacia, a mentira -e a mentira política en primeira instancia- chega a ter o sabor da carne podrecida, como ben nos advertiu o escritor Joseph Conrad na súa obra O corazón das tebras. E ese cheirume, ese fedor insufríbel e penoso chega a nós diariamente a través dos medios de comunicación e, en primeira liña, a través da rede informática global que é a Internet, en todas as súas representacións e recursos, pois esta propicia a socialización das grandes mentiras. Como deixou escrito o escocés John Arbuthnot na súa obra A arte da mentira política, o pobo, moitas veces e por desgraza, é xeo diante das verdades e fogo diante das mentiras. Xulguen vostedes.

O triunfo da mentira
Comentarios