viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Países frugais

UNHA BOA amiga miña sostén que o sintagma "países frugais" é un concepto, aquí e agora, acaramelado. Docemente hipócrita, digámolo así. E para entendermos isto vaiamos ao que di Javier García-Bernardo, investigador de Tax Justice Network, que non dubida en sinalar que os denominados países frugais, con Holanda á cabeza, ao mesmo tempo que negan as axudas ao sur de Europa, están "roubando" miles de millóns de euros en impostos (fluxo de ingresos fiscais) aos países sureños. Ou dito doutra maneira moito máis directa ou expresa: Holanda é un "paraíso fiscal" que opera dentro da UE, algo que compartilla até un Romano Prodi, "o maior paraíso fiscal de Europa".

En realidade, os Países Baixos, xunto con Austria, Dinamarca e Suecia, principalmente, están especializados nun modelo económico "frugal" que ten na economía financeira e rendista a súa primordial razón de ser, sendo así que eles mesmos se consideran "virtuosos" fronte —segue vixente o acrónimo— aos países PIGS (Portugal, Italia, Grecia e Spain), definidos como "porcos" no seu día por medios de comunicación anglosaxóns, aos que se uniu o alemán Frankfurter Allgemeine Zeitung, non moi amigo este último da inmigración galega e española que tivo lugar na coñecida como "crise do euro", que, en forma de recesión e depresión, do frugal norte financeiro ao ocioso sur, nos afectou particularmente no ano 2012.

Máis hoxe, como ben explica o economista Ignacio Muro, os "frugais" Países Baixos, considerando a débeda no seu conxunto, están tan endebedados como está Grecia e moito máis do que están España ou Italia. A débeda privada en Holanda supera o 240% do PIB, mentres que en España é do 131% e a media europea atinxe o 135. Ou dito doutro xeito: os fogares holandeses son os terceiros máis endebedados do mundo, por tras de Chipre e Irlanda, manexándomos datos do Fondo Monetario Internacional.

O certo é que os denominados países frugais, con Holanda á cabeza, son os "representantes", indirectos ou directos —velaí Mark Rutte—, dos intereses económicos globais dos EE.UU. en Europa. Porque, en realidade, quen sae gañando en todo este proceso —caramelo amargurento— son as multinacionais estadounidenses, as grandes entidades financeiras especulativas e interconectadas, e os fondos abutre que hoxe brindan con medianexo espumoso holandés fabricado en Amsterdam. O Cabalo de Troia 2.0 xa o temos aquí.

Países frugais