Opinión

Pessoa en Madrid

Pessoa, ignorante seguramente dos seus fíos de sangue galaico, chega a afirmar que "ninguén que sexa verdadeiramente portugués quere a Galiza para nada"

O mesmo día que descubrín que hai en Madrid unha rúa que leva o nome de Fernando Pessoa, case pegada a outra que leva o nome de Luís Cernuda, fun ver a magnífica exposición que sobre o xenio portugués ofrece o Museo Reina Sofía en coprodución coa Fundação Calouste Gulbenkian. E a primeira impresión que me produciu entrar no espazo expositivo deste Pessoa en Madrid, intelixentemente comisariado por Ana Ara e João Fernandes, foi de familiaridade inmediata, como se existise, a vibrar alí mesmo, un ámbito propicio para a confianza ou, aínda máis, para a complicidade.

Fernando Nogueira Pessoa, ben se sabe —demostrouno Carlos Quiroga—, ten ascendencia familiar galega, mais tamén é certo que o propio Pessoa, ignorante seguramente dos seus fíos de sangue galaico, nunca mostrou simpatía ningunha coa Galiza, pois el mesmo chega a afirmar que "ninguén que sexa verdadeiramente portugués quere a Galiza para nada", e aínda máis: "Não queremos a Galiza parte de Portugal, ou a Galiza e Portugal um só país". Textual. Mais Pessoa, que era iberista, e contraditorio, si chega a recoñecer noutro momento que España é un Estado centralista que non conseguiu absorber a cultura de Galiza e que impuxo o castelán de maneira —Pessoa dixit— "antinatural".

O certo é que o portugués Fernando Pessoa ‘vive’ agora en Madrid un especial recoñecemento e unha celebración culminante, pois xa anteriormente se rexistraran exposicións a el dedicadas na Biblioteca Nacional e no Círculo de Bellas Artes. Mais esta exposición do Reina Sofía, presentada baixo o título ‘Toda arte é unha forma de literatura’, opera en nós unha perfecta identificación e achéganos un Pessoa que non só forma parte do noso coñecemento persoal senón que tamén se integra perfectamente na nosa sensibilidade. Este Pessoa visitante en Madrid preséntase dende a perspectiva do pensador que reflexiona sobre a creación artística e rodéase para iso das luces que ofrece a vangarda portuguesa do seu tempo, sexa en forma de revistas, cartas, documentos e fotografías (160 obras en conxunto), sexa en forma de obra pictórica expresa de Almada Negreiros, Souza-Cardoso, Eduardo Viana e Sarah Affonso, entre outros artistas “pessoanos”.

Esta exposición, de obrigada visita en Madrid, tiña que vir a Galiza, tal vez a Compostela, e ser celebrada aquí, entre nós. Fernando Nogueira Pessoa, con certeza, celebraríao tamén.

Comentarios