Opinión

Mamá

EN XULLO deste ano que languidece morreu mamá, unha das persoas ás que máis amei. Xa dende neno preguntábame que pasaría cando faltase a miña nai. Agora seino: un baleiro enorme, insubstituíble. Penso niso e angústiome (de feito agora mesmo, mentres escribo isto, os meus ollos chorosos delátanme), pero non hai mellor maneira de superar este transo que asumilo e compartir os sentimentos cos demais (autoterapia emocional, seica).

Teño unha familia e uns amigos marabillosos. Podemos pasar décadas sen vernos que dá exactamente igual. Seguímonos querendo e apoiando, sobre todo nas dificultades.

Creo que hoxe é un día fantástico para agradecerllelo. Grazas por compartir a vosa existencia comigo. Que Deus vos bendiga (para os que teñen fe) e que Deus vos bendiga (para os que non a teñen). A fin de contas é Nadal para todos, para a miña mamá tamén.

Comentarios