Jueves. 24.05.2018 |
El tiempo
Jueves. 24.05.2018
El tiempo

Escribir, danzar, aparecer

Israel Galván parecera non estar atado a nada

TIVEMOS O privilexio de ver a Israel Galván o pasado día 2 de febreiro, no Festival Escenas do Cambio. O privilexio de entender que por ver podemos falar dun sentido máis amplo. E, nun momento da peza, na súa proximidade sen escenario, o privilexio de que el tamén nos ollase. Cruzámonos con esa ollada e só así percibimos o xesto do noso rostro, contraído. Tamén o suor, tamén o noso. Utilizamos o plural porque soubemos que non, que non eramos os únicos.

Sen embargo, todo comezou cunha conferencia erudita entre Pedro G. Romero e Filiep Tacq sobre as obras que deron título á proposta. Unha tirada de dados alude a Un coup de dés jamais n’abolira le hasard (Unha tirada de dados non abolirá o azar), obra coa que Mallarmé inaugurou a modernidade en poesía, e á intervención que sobre el faría Marcel Broodthaers. Se o primeiro, no ano 1897, desestruturou o verso no seu proxecto de liberar o significante tamén no branco da páxina; o segundo, xa nos setenta deste século, taparía todos os signos para só deixar a mancha do verso. A través deste ocultamento, a páxina aparecería, percibida no intre. Lexibilidade, afectación; o diálogo vai por aquí cando un estrondo interrompe a conferencia. Non se sabe o que é, ata que o zapateado se distingue, fóra da sala. Forte, tapando as palabras de Romero, que continúa a falar, o son oculto trala parede é tamén interlocutor: ese bailaor que antes de deixarse ver, afecta.

Hai danzas do aparecer, como a de Israel Galván. "Israel Galván no se muestra. Aparece. Lo cual significa que comienza por crear las condiciones —espaciales y temporales, o sea, rítmicas— de su ausencia", conta Didi Huberman no libro que lle dedicou, El bailaor de soledades. Se a frase coreográfica é á danza o que o verso á páxina, Israel Galván rómpea. Parecera non estar atado a nada, na desmesura e na ascese, como se a cada intre se lanzase ao baleiro, coma se trabase unha loita con algo tamén oculto. Dicía o mestre do butoh Yukio Waguri que o bo bailarín é o que parece improvisar, aínda tendo todo pautado, porque sempre é un imprevisto para si mesmo. Unha tirada de dados, cada xesto. O suor do público proba a consciencia dese risco, nunha atención non sostida por ningunha narratividade, mais polo fascinio da aparición. Imposible non lembrar o comezo de Água viva, de Clarice Lispector. Que sirva de remate: "O próximo instante é feito por mim? Facemo-lo juntos com a respiração. E com uma desenvoltura de toureiro na area".

Escribir, danzar, aparecer
Comentarios