lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

As palabras do salífero

Salífero é o primeiro libro de Luís López Alonso (Sarria, 1977), editado por Urutau, pero é todo o contrario a un primeiro libro
AUTOR DA FOTO: RAFAEL MALLO
AUTOR DA FOTO: RAFAEL MALLO

A súa voz xa pasou por moitas crecidas ou mareas, seguindo ese imaxinario do libro que nos leva da Ribeira —en maiúscula, a Ribeira Sacra— ao mar, antes de erosionarse nesta palabra. O libro de alguén que non tivo présa en publicar, de alguén que soubo agardar o tempo da recollida da uva: un primeiro libro de madurez. O propio título fai referencia a ese proceso lento de cristalización nun salífero, ese lugar que produce sal, por exemplo, á beira dun litoral, e que pode ser o lugar do poema: onde lentamente pode formarse unha pérola, onde o exceso indicible do mar —da vida—, "do que xermola/ non recoñecido/ espurio/ cara nós", faise material.

RAFAEL MALLOMaterial, a cristalización é un traballo na palabra, sobre a que a marea pasa moitas veces.

Novoneyra chamaba a María Mariño, noiesa do Courel, tamén coma Luís mar dende o interior —xeográfico e emocional—, "dinamiteira da fala". Facíao cando a poeta transformaba adverbios en verbos, coma nese "deixa xa de lonxear". Luís López Alonso tamén é un dinamitador da fala, cando xa no primeiro poema do libro atopamos "pisadas entullosas" ou iso que "entullosamente" vén cara a nós, facendo dos entullos, desas pedras levadas nas ametencias, adxectivos e adverbios. Dinamitar, si, pero tamén asumir o mar dunha lingua doada a esas derivas: marzal, palpebral. Traballo que atinxe a creación de palabras, como petaloblea, paranoite, transpoza; unións entre elas que retorcen a gramática: "miga-a-uva", ou ás veces nos sitúan nun lugar ambiguo entre substantivos e verbos: "o respirar do mar costela". Isto fai a palabra na costa: para dicir fronte ao mar retórcese, coma o sal na superficie.

Luís López Alonso sitúase nese lugar. É e non é o rapaz que gañou o Premio Minerva aos 18 anos. É e non é quen escribiu varios libros hogano inéditos. É e non é quen estudou Farmacia, quen vén de rematar Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. Quen camiñou aquel día pola Cuesta de Alhacaba. Quen viaxou a Klaipeda. Quen se abeirou no Miño escalonado en bancais. É e non o é porque a voz naufraga, "dolce in questo mare", coma no Infinito do poema de Leopardi, coma no infinito de todo o que é lugar no poema. É e non é, porque, que voz é esta? Quen fala aquí? Que di?

A técnica do poema, o que leva milleiros de anos facendo: falar como, na singularidade dun corpo, tensado, outreado, sen identidade clara, sempre erótico nese roce con outro corpo.

As preguntas veñen ter connosco. A extrañeza colócaas en primeiro plano. "A esixencia é grande, maior é a dádiva", di Genaro da Silva na lapela do libro. Estas preguntas e inestabilidades acompañan a lírica dende os primeiros tempos. E dende os primeiros tempos tiveron unha condena por resposta. Paradigmática, a expulsión dos poetas da polis por parte de Platón, por esa relación co divino que privaría o poema, inspirado polas musas, dunha auténtica téchne, e ao poeta dun auténtico coñecemento. Este discurso máis asumido ten, sen embargo, outras marxes, como apunta Jean Luc Nancy en A partición das voces, que resalta no Ion o fragmento para outra lectura posible. A téchne do poeta, di o rapsoda Ion, é a de falar como nai, fillo, escravo, home libre. Na presentación de Salífero en Muralla de Letras, acompañada polo traballo audiovisual que Rafael Mallo creou á volta do libro, escoiteille a Luís que o poema falaba, ás veces, como un mineral. A técnica do poema, o que leva milleiros de anos facendo: falar como, na singularidade dun corpo, tensado, outreado, sen identidade clara, sempre erótico nese roce con outro corpo.

De que fala o poema? O poema fala como. Por iso, como Ion, non podemos poñer un exemplo. Este Salífero é unha lingua enteira. Coma unha lingua, esixe que a aprendamos. Co corpo. Estes poemas, erosionados, chegan a nós coma algo que a marea deixa na praia cando se retira, na "praia do corazón" de Paul Celan aquí tan presente. Non sabemos a súa orixe pero sostémola: curiosa palabra que non precisa saber para coñecer, coma cuncha que non trae escrito un recorrido para falar da súa viaxe. Hai un mar entre nós e os poemas de Salífero, un zoar do mar batendo con cada palabra. A experiencia concreta nunca poesía da experiencia, senón aberta ao efecto que o descoñecido ten sobre nós. Esa é a onda pola que somos levadas.

As palabras do salífero
Comentarios