Opinión

Destruíndo o hoxe

O anunciado peche do MAC (Museo de Arte Contemporánea) da Coruña pon de novo ante nós a destrución de diferentes proxectos galegos vencellados á arte máis actual. Co Marco á deriva e o fin do Outono Fotográfico, a paisaxe nese territorio énchese de frustracións e desacougos

SON TEMPOS escuros para mirar cara nós dende a arte. Unha das grandes achegas da actividade creativa de cada momento concreto é o de analizar e amosar como o ser humano se desenvolve no interior da súa sociedade. Perder espazos ou proxectos que acheguen esa misión ante o público é destruír o hoxe, isto é, desterrar unha ferramenta cunha forte capacidade de análise e de visibilizar de xeito efectivo o que acontece ao noso arredor.

Coñecimos nestes días que a 15ª Mostra de Arte Naturgy será, xunto coa exposición Drift. Miradas cruzadas entre deseño e arte contemporánea, aberta dende o 4 do mes pasado, o último proxecto aberto ao público —estará ata o 31 de decembro— deste museo que naceu amparado pola labor social de Unión Fenosa e agora desfaise baixo esa nova marca, Naturgy. Un peche que se vén a sumar a outras eivas recentes da nosa actividade cultural contemporánea como o festival de fotografía Outono Fotográfico que, tras 35 edicións, pechou as portas ou a deriva na que caeu o Marco nos últimos meses revertindo o gran traballo que se fixo no seu interior dende o seu nacemento, convertido nun referente para a cidade, onde foi desprezado polos seus xestores políticos, a nivel mundial, e que agora referénciase nun sensentido sen pés nin cabeza, sen unha liña definida de traballo que respalde a un proxecto serio.

Tamén o MAC, aínda máis coñecido pola súa anterior denominación de Macuf, desenvolveu un importante e moi necesario labor dende a arte contemporánea. Xa non só referida á mera exposición de traballos, senón cun longo ronsel de numerosos obradoiros, bolsas ou ciclos de distintas temáticas artísticas que fixeron dese espazo un centro de traballo dos máis interesantes no noroeste peninsular, no que o labor dos artistas se compatibilizaba co tecido de redes entre os diferentes actores que participaban deses proxectos. E é que unha das grandes fracturas que se orixinan pola perda destes espazos son os naufraxios desas relacións acubilladas neses recintos. Xa non só perdemos os ámbitos de conexión, non é que se perdan os propios proxectos do centro artístico, tamén outros que poderían xurdir ao longo do tempo.

Se Galicia tiña unha clara vertebración deses espazos na fachada atlántica co Marco, o CGAC e o Macuf, a perda de dous deles centra no CGAC boa parte desa inquedanza da nosa arte pola visibilidade. Unha forte ferida ao sector, xa de por si enfebrecido, nos últimos tempos de crises económicas, pola perda de presenza do sector privado en forma de galerías artísticas. Será o CGAC, polo tanto, quen teña que seguir remando, desta vez en soedade, para conseguir un espazo de dignidade para a arte contemporánea e facendo fronte a investimentos sempre baixo unha lupa.

Aínda estamos afectados pola frustración e o desacougo polo adeus dun espazo que propuxo algunhas das mellores exposicións internacionais que se viron en Galicia —sen ir moi lonxe no tempo só lembrar as adicadas a Markus Muntean e Adi Rosenblum ou a Lita Cabellut—. Agora é tempo de pensar que facer coas infraestructuras unha vez que Naturgy anuncia ese peche. Non é moi intelixente, polo que tiña a empresa de apoio a un proxecto cultural na Galicia na que naceu, pero os cartos cada vez entenden menos de intelixencia, estudando, por unha banda, a transferencia do espazo a outras institucións como o Concello da Coruña e, por outra, analizar quen queda cos numerosos fondos que alí se gardan. Esperemos que as administracións teñan a sensibilidade que non tivo a empresa privada e entre todas atopen unha solución que remate con ese destruír o hoxe no que está envolta a nosa arte contemporánea. Agardamos que o Camiño de Peregrinación a Compostela nos deixe ver o bosque doutras realidades.

Mentres, no sur, e máis nestas datas, botamos en falla as numerosas iniciativas que dende o epicentro ourensano do Outono Fotográfico e da man do seu coordinador, Vítor Neves, se espallaban por moitas xeografias e territorios. Os cartos tamén se plantaron e as fotografías gardáronse nos caixóns ou directamente xa non se fixeron, o que non é máis que outra mostra da total ausencia de sensibilidade dos nosos xestores.

Cada vez máis temos menos. Cada vez a arte do noso tempo vese máis afogada pola perda dun tecido sen o que, non o dubiden, somos menos sociedade, somos menos nós.

Comentarios