Miércoles. 20.06.2018 |
El tiempo
Miércoles. 20.06.2018
El tiempo

Observacións de safari

Iolanda Zúñiga firma este libro empoderado baixo o nome de Marleen MaLone, unha muller que percorre todo un abecedario de homes cos que relata os seus encontros sexuais, baixo unha óptica o foguete chea de humor, porén, na que se agocha unha muller chea de historias

LEVÁVASE TEMPO á espera dun libro de Iolanda Zúñiga. Os seus anteriores textos, ‘Vidas pos-it’ (2007) e ‘Periferia’ (2010), este último gabado co premio Xerais de novela, deixaron unha desas presenzas necesarias para todo sistema literario. Una muller nova, arriscada nos seus plantexamentos na escrita e propoñendo novos territorios para ser explorados por autor e lectores. Pasou moito tempo dende aquilo, sempre demasiado cando se trata dunha ausencia literaria, pero agora esta rachouse coa saída do prelo de Xerais de Noites de safari que, aínda que rotuladas na capa co nome dunha autora chamada Marleen MaLone, correspóndese co último traballo de Iolanda Zúñiga.

"Foi nunha terapia de regresión onde comprendeu todo: na súa vida anterior fora unha vedete, de nome artístico Marleen MaLone", así asume ela mesma ese seudónimo co que Iolanda Zúñiga explora, ata a últimas consecuencias da palabra, unha serie de homes ordenados alfabéticamente, dende apático, barbudo, casado, desflorador; pasando por obsesivo, putañeiro, quixote, repoñedor, e chegando ata viaxeiro, xocoso ou Zopilote. Con cada un deles a protagonista explicará o seu comportamento sexual, xa que o derradeiro e tamén primeiro fin deses encontros é o de botar un bo ferrete, a partir de aí, e cos deberes feitos, toca amosar as condutas deses homes baixo a óptica dunha muller dominante da situación, sen medos, que selecciona as súas presas sen ningún tipo de rubor nunha sorte de safaris nocturnos nos que a protagonista escolle eses homes, sabedora as veces dos seus defectos, pero que pouco lle importan ante o emprego que fai deles —dos homes quero dicir—.

E na novela, se algo non deixa de sorprender, xunto a imaxinación —ou quizais non sexa tanta— que desenvolve a autora en cada unha desas entradas alfabéticas, é o emprego do humor, abofé que imprescindíbel á hora de enfrontarse á hora de reflectir unha chea de situacións que nos describen, e moito, como especie. Un humor que parte do emprego dun léxico cheo de xiros e de dobles sentidos que constrúe o espazo necesario para que esas historias non se convertan nun fío gume de aceiro co que danar a sensibilidade masculina, tantas veces a flor de pel, e que supoñemos quedará indemne ante o aquí escrito.

Aínda que aparentemente deformadas, as veces, como unha esaxeración non nos podemos afastar de que moitas desas situacións teñen moito que ver coa realidade, con toda esa fauna que nós mesmos somos así como dunha serie de actitudes que xorden das relacións entre homes e mulleres. Comportamentos tantas veces adscritos a roles que se van asentando na nosa sociedade e aos que lle vén moi ben que a escrita xogue con eles nalgo que ao final non é tan xogo. Esa grosa capa de humor tamén permite ir máis aló do que poden ser eses encontros entre unha muller e homes diferentes, xa que permite, tamén, deixar varias cargas de profundidade ao longo de todo o relato sobre diferentes eidos da nosa sociedade, como a cultura, a que leva varios revolcóns, e non precisamente dos que gosta a protagonista.

Tampouco podemos afastarnos de como Iolanda Zúñiga non se queda só nesa exposición exhibicionista da súa creación, desa moza consumidora de homes sen demasiadas esixencias, xa que ese proceder amosa os desafectos do pasado, o fracaso e a dor producida por relacións que un pensa superadas, de aí o empoderamento para ser ela a que decida os pasos a seguir, e así escoller as vítimas propiciatorias nunha sorte de sacrificio para acougar as mágoas da alma.

Un regreso, o de Iolanda Zúñiga que non defrauda, porque isto é o que se espera dela, unha novela arriscada, desafiante, que se sae do común e que procura facernos pensar a partir dunha serie de situacións que nos poden parecer tan surrealistas ou irreais que, ao final, dámonos conta de que forman parte da vida mesma por moito que riamos das noites de safari.

Observacións de safari
Comentarios