domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Urutau,unha rara avis

O novo selo poético Urutau recupera na súa colección Avis Rara o mítico poemario Heloísa de Chus Pato. Unha achega máis na súa aposta pola poesía dende Pontevedra no traballo da recuperación de títulos xa esenciais, así como na publicación de novos textos na nosa lingua.
20212613
20212613

NO MES DE MARIO os membros da editorial Urutau presentaron en Pontevedra —cidade acubillo desta editora cun percorrido xa iniciado en Brasil da man de Wladimir Vaz—, unha escolma de poemas de Alfonsina Storni ,Carta lírica a otra mujer, arrincando así a travesía na nosa terra deste selo poético que define o seu labor dende dúas liñas de traballo. Por unha banda. a recuperación de importantes obras da poesía universal, a Alfonsina Storni seguíronlle a publicación de ‘Poeta en Nova York’ de García Lorca e a recente de Heloísa de Chus Pato, e, por outra, a impresión de poemarios de autores que traballan na nosa terra, como os seus dous máis recentes, os asinados por Manuel Pérez Lourido, Pásame un cabalo polo peito, e Elisabeth Oliveira, Náufragas.


Con todo isto non se pode deixar de gabar a aposta polo territorio poético desta editorial que confía nela como xeito de expresión e ata de negocio. Iniciativas deste tipo que veñen a maridar as dúas orelas do Atlántico a través da poesía e da lingua galega e portuguesa, son impagábeis para unha sociedade que se teña en valor, que reivindique a cultura como unha das súas sementes máis proveitosas para o seu desenvolvemento. Unha poesía que ademais preséntase dun xeito ben eficaz, cunhas fermosas edicións, ben deseñadas e nun formato que permite que o libro te acompañe. É ben interesante esta proposta de sentirse acompañado pola poesía, de poder, nun instante determinado do día, sacar do peto un feixe de poemas que che faga máis claro o camiño.


Neste momento Urutau métenos no peto a Heloísa de Chus Pato, e iso son palabras maiores dentro da nosa poesía. Chus Pato é unha das nosas voces máis referenciais e dende os anos 90 amosa unha obra chea de emocións e exploracións narrativas dende a contundencia das imaxes e un forte sustrato cultural. Van pasando os anos e o nacemento de novas editoriais non quere deixar pasar a incorporación das súas poesías ao seu catálogo, e así Chan da Pólvora recuperou en 2016 o seu primeiro poemario, Urania de 1991, editado en Calpurnia, e agora Urutau fai o propio con Heloísa, o seu segundo poemario do ano 1994, que publicara Espiral Maior.

Nesa vangarda é na que actúa a poeta, movéndose na exploración de novos terreos nos que a palabra está á procura da súa propia descuberta


Botarse de novo a estas palabras fainos asumir a poesía como unha celebración do propio feito cultural. Unha epifanía dende a mitoloxía que medra dende o feito feminino e o poder da cultura para poñer ante nós todo un imaxinario fulcral ou como expresa no seu limiar Xabier Cordal: «A muller que se dobra sachando onde a figueira de Mordomo, as mariscadoras agardando o devalar das augas, o cheiro a fariña e aceite barato. Que, xa pois, ningunha vangarda será posible sen as empregadas das grandes superficies comerciais».


Nesa vangarda é na que actúa a poeta, cunha escrita sen límites, movéndose na exploración de novos terreos nos que a palabra está á procura da súa propia descuberta, rachando pasados e lugares comúns. Non é sinxelo adentrarse nesta poesía, pero unha vez alí o lector séntese reconfortado polas súas posibilidades e a conquista das sombras. «Heloísa sostén entre as maos un cáliz, violáceo,/ sostén entre as maos o corazón, a realidade, /a sombra/ Dígovos que aprendeu a vivir, pálida/ que se lle quedou escrita a voz nas paredes calcinadas/ dun labirinto/ errante». Encrucilladas, camiños, pontes e avenidas son as que nos acompañan nesta narración errante dunha muller fronte ao mundo, nunha xeografía telúrica chea de mitos onde só a palabra é quen de rastrexar a nosa pegada na realidade.


Urutau lévanos deste xeito ao eido da poesía. Novas palabras acubilladas no maxín dos nosos poetas e outras que xa forman parte de nós. Raíz do que somos e xérmolo dunha construción cultural da que o poético é un dos seus irrenunciábeis sustratos.

Urutau,unha rara avis