Opinión

Delincuencia informativa

AS SOCIEDADES buscan culpables, necesítanos cando se produce un delito. No caso de Diana Quer non era excepción, e como non se descubría o responsable, o doado era buscar no entorno cercano, e desde o primeiro momento os medios sementaron dúbidas arredor da familia, sospeitas de todo tipo, bulos incluso sobre aspectos irrelevantes no caso de ser certos. Hai 25 anos, co crime de Alcàsser, a prensa, tamén a que coñecemos como seria, xeneralista, amarelou detrás do rosa e perverteu a información. Foi o foguete de saída. Desde aquela a calquera mínimo suceso búscanselle as beiras sazonadas de especulacións sen o mínimo rigor diante da obriga de ter algo que contar, fúrgase nas traxedias sen deparar nas consecuencias. Avergoñarse do publicado, como fixeron algúns, non repara o dano. A autocrítica sería o primeiro paso para desandar o camiño equivocado.

Comentarios