Opinión

Os estados levan os conflitos ao deporte

UN FUTBOLISTA de ascendencia albanesa non foi convocado para un partido do seu equipo en Serbia por ter feito un xesto político na celebración dun gol. Entendíase que a súa presenza podía alentar un conflito extradeportivo. E seguro que quen tomou a decisión tiña razón, polos exacerbados nacionalismos, neste caso de Estado, que chegaron a provocar guerras como a dos Balcáns.

Esa sanguenta contenda da que dun Estado xurdiron sete ten repercusión, por exemplo, no sorteo de grupos para a Eurocopa de fútbol, pois deses países algúns non poden coincidir. E España non é alleo a algúns bloqueos, pois non admite xogar con Xibraltar, e pola contra permite enfrontamentos con Kosovo a pesar de non recoñecelo. Este choque político provocou hai pouco unha colisión entre o ministerio español de Exteriores e o Comité Olímpico por non permitir competir baixo bandeira kosovar no territorio patrio nunha competición de karate. A política envólveo todo.

Comentarios