Opinión

Imparable, pero aínda insuficiente

O FEMINISMO multiplicouse no último ano no mundo. Xa nada será igual desde que en outubro de 2017 unha ducia de mulleres denunciaron o todopoderoso produtor de Hollywood Harvey Weinstein, sinónimo da utilización do poder para satisfacer instintos sexuais. Pero para millóns de homes, as mulleres seguen sendo obxectos.

"Pagaría por vós máis que pola vaca", así, tratándoas como gando, tiveron que soportar esta expresión dun energúmeno non hai moito dúas informadoras desta casa. Cando non situacións peores, incluso físicas, ata con resultado de morte, sofren polo feito de seren mulleres en calquera lugar do planeta.

Só en España van preto de mil vítimas mortais de violencia machista en 15 anos. Crece o feminismo, isto é, que aínda hai que recalcalo, a defensa do principio de igualdade dos dereitos de homes e mulleres; pero a discriminación continúa, laboral e socialmente. Se ben o movemento é imparable.

Comentarios