Opinión

Moita xestualidade sen efectividade

UN CHÍO para mostrar alegría desmedida pola retención de Puigdemont en Alemaña e a comunicación dun acordo para os orzamentos do Estado non casan. Dúas situacións tan dispares, protagonizadas polo líder de Ciudadanos, conflúen pero non chegan a tocarse debido a que pola situación dos principais dirixentes do nacionalismo catalán non se poderán aprobar as contas xerais, pois o imprescindible PNV non está disposto a validalas.

A situación de bloqueo non só se dá no Parlament, senón en parte no Congreso, en boa medida influído polo problema catalán. Quizais é o que busca Cs, un atallo para intentar chegar ao Goberno se o PP se ve na obriga de proceder a un adianto electoral por falta de presupostos. Ou sexa, que ao mellor non é tanta a ledicia polas circunstancias de Puigdemont, senón pola conxuntura na que queda Rajoy, a quen se lle foi Cataluña das mans e escórreselle España.

Comentarios