Opinión

Odiadores

OS FEITOS indican o contrario do que predica. Asegura non crerse Goebbels, non facer propaganda baseada no odio, pero o que circula polas redes, principal plataforma publicitaria de Vox, é exactamente iso, por moito que o responsable das mensaxes do partido o rexeite.

Ofrece pouco, máis ben busca o derrubamento de boa parte do avanzado, unha involución de 40 anos, ou incluso máis, á Reconquista, din, ao século VIII nas montañas asturianas, reconvertidas agora en Mulhacén ou Serra de Cazorla desde onde recentralizar España e acabar coas autonomías, cun só Parlamento e un Goberno que recuperaría as competencias en educación, sanidade ou xustiza a cabalo dun ultranacionalismo montaraz de bandeira empuñada contra o discrepante.

Aséntase no odio ao distinto, tribal, excluínte, por moito que o negue en vez de asumilo porque, como di o profesor Fermín Zabalegui, "somos seres odiadores", pois o odio "é unha emoción tan humana como a fame ou o amor", e algúns úsano como política.

Comentarios