Opinión

Polémicas provocadas

AS REDES sociais xeneran e amplifican polémicas que non terían nin por que chegar a ser discusións, pero na época das noticias falsas e dos debates provocados nos que se participa con intereses espurios todo se magnifica. Unha inocente fotografía de Iniesta coa súa familia diante duns Reis Magos nos que Baltasar non era negro senón tinguido, algo considerado racista en Estados Unidos, foi utilizado para atacar ao xogador manchego. E internet ferveu aínda máis contra o cociñeiro Pepe Solla por ter o seu local "libre de violencia de xénero e de Vox", unha opinión que contrarrestaron os círculos de extrema dereita, tan activos ultimamente, con expresións vexatorias e unha campaña de desprestixio nas páxinas das que colgan os establecementos hostaleiros abertos aos ditames da clientela. Agacharse no anonimato e utilizar robots para facer política é máis efectivo que un mitin e os novos partidos domínano como ninguén. O perigo agora vén pola rede.

Comentarios