lunes. 30.03.2020 |
El tiempo
lunes. 30.03.2020
El tiempo

O triunfador ten onde elixir

PEDRO SÁNCHEZ continuará como presidente. E outra certeza máis, a esquerda gañoulle á dereita. Pero o líder socialista estaría máis cómodo con Ciudadanos que con Podemos no Goberno, e aínda que Rivera lle pechou a porta como estratexia para sumar votos do PP coa clara intención de darlle o sorpaso, agora, cos resultados na man, podería abrila de novo, igual que nas eleccións de 2016. E os candidatos eran os mesmos. E se isto non calla, a Sánchez quédalle a alternativa similar á que o upou á Moncloa, a suma de Iglesias, as confluencias e nacionalistas varios. Porque impúxose o voto do medo, do que o PSOE foi o principal destinatario, ante a posibilidade de que Vox fose determinante.

España mobilizouse como nunca para que non ocorrera o mesmo que en Andalucía, onde a abstención facilitou un executivo virado á dereita por primeira vez desde que existe a autonomía. Tomaron nota desa xornada no resto do país para frear unha ascensión da ultradereita que, iso si, irrompe con forza, aínda que con menos da que lle outorgaban as enquisas; pero á costa do PP, que se deixou a metade da representación que tiña Rajoy. Aquí non lle pasará a Casado como a Moreno en Andalucía, non colleitou unha doce derrota que o levara á presidencia; é unha costalada contundente por escorarse do centro que o pode empurrar a deixar o liderado dun partido devastado, con pouco máis de 200.000 votos sobre Ciudadanos. É o principal damnificado.

O triunfador ten onde elixir
Comentarios