jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

A fin do réxime do 78

Dirán vostedes que sobreactúo ou falo de máis. Dirán outros que confundo os allos cos bugallos. Mais o cumio do iceberg que estamos a ver a respecto das xestións económicas persoais do Rei Emérito sinala un ponto de non retorno. Claro é que o Rei Xoan Carlos ten dereito á presunción de inocencia, tanto como calquera. Mais a súa garantía de inviolabilidade (só até o 18-06-2014, dende entón é tan imputábel teoricamente como calquera ministro ou deputado) e o bloqueo do tripartito da dereita e do PSOE á Comisión parlamentaria de pescuda pode agravar moi substancialmente a treboada que vai descargar, quer nuns días, quer nunhas semanas ou meses.

A Fiscalía do cantón suizo de Xeneva acusa ao anterior Xefe do Estado de percebir, a medio dunha conta da fundación panañeña Lucum —da que o Borbón e Borbón é único beneficiario—, 100M€ do entón rei da Arabia Saudita, Abdullah I, en agosto de 2008. Algunhas fontes acreditan que ésta é unha comisión vencellada á adxudicación saudita a un consorcio de empresas españolas do tren de alta velocidade A Meca-Medina. Compre dicir que esta adxudicación é posterior, data de 2011, malia que xa fora deseñada no 2006. Mais a propia Corinna vencelou no 2015 esta comisión con esta adxudicación.

Por outra banda, o xornal londinense The Telegraph acusou ao curmán do Emérito-a quen acusou de lle server de testaferro- de percebir 50 M€ de comisión pola venda do Banco Zaragozano (controlado polos curmáns Alberto Cortina e Alberto Alcocer) ao Barclays.

Semellan ser acusacións bastante potentes. Verdadeiramente poderían ser esaxeradas ou incertas. Mais seica choven sobre mollado, á vista da avaliación do patrimonio do Rei Emérito en 1790 M€ polo prestixioso xornal New York Times a primeiros do 2019. É verdade? De onde sairon tantos cartos?

Quere isto dicir que si o PSOE apoia ao tripartito da dereita na súa teima de impedir a Comisión parlamentaria de pescuda estaría apoiando as mesmas forzas do Deep State que cuestionaron a lexitimidade do actual Goberno do Estado, desconectándose dunha base electoral que, polo menos nas nacións e países do Estado con lingua propia, xa non é aquela que votaba Felipe e Guerra nos anos 80 do século pasado. 

E, máis cedo ca tarde, haberán abrollar os vencellos entre os sectores regulados do Ibex 35 e demáis axentes do Deep State co Rei Xoán Carlos. Cál será o dano institucional que sofrirá o estado español?

A fin do réxime do 78
Comentarios