jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Do dereito e do revés

As antigas Caixas galegas, entes fundacionais sen ánimo de lucro, desenvolvían a primeiros deste século varias inicativas sociais para fornecer de atención institucionalizada ás persoas da terceira idade que o precisaban. No 2003 Caixanova e a súa participada, o Banco Gallego, mercaban a empresa Geriatros. 

No 2005 chegou ao goberno a coalición BNG-PSdeG. E o vicepresidente nacionalista, Anxo Quintana, consciente da inexistencia dun sistema galego público de atención aos maiores, diversificou o orzamento da Xunta para atraer o capital social-non público-das Caixas a un proxecto inédito de atracción das súas achegas neste eido social. Fundouse no 2006 a Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), participada nun 45% pola Xunta e en cadanseus 27,5% polas dúas Caixas. Sogaserso construiu catro importantes residencias da terceira idade: Viveiro, Vimianzo, Ourense e Monforte e mercoulle a Geriatros a de Aldán-Cangas, no comezo de 2009. O Goberno galego ampliaba exponencialmente os recursos públicos coa cooperación público-social.

Gañou o PPde G o 1-M do2009 e en xullo de 2010 a Xunta vendeu o seu 45% en SOGASERSO ás Caixas. Éstas fusionáronse en novembro de 2010, ficando dende entón Sogaserso propiedade ao 100% de NovaCaixaGalicia (hoxendia AFundación), que mantén a propiedade das cinco residencias e, deste xeito, cumpre (só formalmente) as fins de protección da terceira idade e falla de ánimo de lucro esixidas polos concellos ourensán, vimiancés e viveirense para cadansúas cesións dos terreos onde SOGASERSO construiu cadansúas Residencias.

Despois da fusión das Caixas NovacaixaGalicia autocontratou o alugueiro e xestión das residencias de Sogaserso a Geriatros. Mais no verán de 2012, Geriatros (xestor daquela de 27 Residencias) foi vendido por NCG Banco ao fondo luso Magnum, que a vendeu no 2017 ao fondo francés PAI Partners, que despois integrou o seu grupo xeriátrico Domus Vi con Geriatros e varias empresas xeriátricas no mercado estatal adquiridas do 2014 en diante. Domus Vi xestiona arestora máis de 370 residencias no Estado, Portugal e Francia.

Galicia pagou moi caro este afastamento do público e do social na xestión das necesidades da nosa terceira idade. No informe anual do Consello de Contas de 2017 xa se denunciaba que o cadro de persoal ofertado para a contratación do servizo, no caso da Residencia compostelá de Domus Vi non coincidía co efectivo. Nin se cumprían os "ratios" de persoal por residente nin as substitucións deste nas quendas de vacacións e fins de semana. Conclusións que atinxían tamén á Residencia ourensá Nª Sª da Esperanza da Fundación San Rosendo.

Nesta crise pandémica, as Residencias Domus Vi de Cangas e Barreiro-Vigo foron intervidas polo seu descontrol diante do espallamento do virus e da súa letalidade asociada, mentres as Domus Vi de San Lázaro acada arestora dos peores níveis neses parámetros. As grandes empresas do sector, propiedade de anónimos Fondos, seica  dan o peor servizo. 

Urxe consensuarmos un outro modelo nos servizos asistenciais á terceira idade. A Xunta (que non pode negar coñecer, polo menos parcialmente, esta realidade) habería pescudar e sancionar os comportamentos ilegais do servizo das Residencias privadas incumpridoras e o Sogaserso d’Afundación disporá sen dúbida de recursos contractuais para recuperar a xestión das Residencias que construiu a iniciativa público-social da Xunta e as Caixas e garantir, deste xeito, os criterios asistenciais esixidos pola lei e o sentido común.

Do dereito e do revés
Comentarios