martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Prisión preventiva arbitraria

A Organización das Nacións Unidas (Onu) deulle pulo, no 1966, á sinatura dun Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos que asinaron o Estado español  e os demáis Estados da UE e do Consello de Europa. Este Tratado internacional constitúe Dereito interno español e alicerce para toda interpretación no que atinxe aos dereitos fundamentais e liberdades constitucionais (artigos 10.2 e 96 da Constitución do Estado), nomeadamente,para o caso que nos chama, ao dereito á liberdade persoal do artigo 17 do mesmo texto constitucional.

O Consello de Dereitos Humanos da ONU (sucesor da súa antiga Comisión de Dereitos Humanos ) é un organismo intergobernamental das Nacións Unidas composto por 47 Estados responsábeis da protección e promoción dos dereitos humanos. Desenvolve o seu labor de vixiancia dos abusos e arbitrariedades que poden cometer os Estados membros na cuestión da prisión preventiva a medio do Grupo de Traballo sobre a Detención Arbitraria, composto por cinco expertos independentes. Estamos, pois, a falar, dun  sistema  de alta neutralidade, obxectividade e especialización. Non de amateurs ou de chaíñas.

Este Grupo de Traballo ven de denunciar como arbitraria a prisión preventiva de Jordi Sànchez e Jordi Cuixart (acordada en outubro 2017 pola maxistrada da Audiencia Nacional Carmen Lamela, continuada polo maxistrado-relator do Tribunal Supremo (TS), Llarena e ratificada pola Sala do TS que os axuiza) e de Oriol Junqueras (acordada por Llarena e ratificada pola Sala do TS axuizadora). E coida que a única solución a esta arbitrariedade é a liberdade inmediata  dos presos e o recoñecemento do seu dereito a seren indemnizados e a  que se adopten as demáis medidas adicionais precisas para os reintegraren nos seus dereitos vulnerados.

As informacións existentes sobre a ditame deste Grupo de Traballo das Nacións Unidas enxergan unha decisión xudicial (a de restrición da liberdade persoal dos tres presos políticos) que sería arbitraria en canto acordaría a prisión preventiva por unha acusación de rebelión moi pouco sustentábel por mor da inexistencia de violencia. Tamén pola incompetencia do TS para axulgar unas condutas desenvolvidas en Catalunya e, xa que logo, que só poderían ser axuizadas polo Tribunal Superior de Catalunya. Considérase, asemade, que a decisión xudicial vulnerou os dereitos fundamentais dos presos políticos á libre expresión e opinión e participación política. Ademáis, denuncian inmisións de membros do Executivo (a antiga vicepresidenta Sainz de Santamaría) ao fardaren de ter descabezado o movemento soberanista.

É evidente que este ditame non ten o valor dunha sentenza xudicial, mais tamén convén lembrar que se trata dunha equipa neutral e prestixiosa de xuristas internacionais, expertos e independentes.

O sistema das Nacións Unidas de supervisión dos dereitos humanos ten baixo o seu foco ao Tribunal Supremo español por mór do xuizo do procès. As graves acusacións da Onu supñen un grave desprestixio para o Tribunal Supremo español.

Prisión preventiva arbitraria
Comentarios