domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

O problema eléctrico da Galicia

Factorías como a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao adican o 40% dos seus gastos a pagar a enerxía, o que constitúe unha grave desavantaxe comparativa a respecto doutros países. Galicia é o territorio do Estado con máis incidencia da industria electrointensiva (25% do emprego estatal con case 5.000 empregos directos, cando só representamos o 5,3% do PIB). O xornalista galego  Julián Rodríguez Moscoso ven de informar que entre o 30 e o 40% da potencia subhastada nas poxas de interrumpibilidade dos últimos anos foron para Alcoa, Ferroatlántica e outras factorías galegas. Velaí que o problema do elevado custo da enerxía para a industria electrointensiva sexa  un problema moito máis galego ca español.

Sigamos cos números. O rascuño de Estatuto da Industria Electrointensiva que o Goberno do Estado ven de quitar para alegacións é ruín e cativeiro, pois que  só prevé destinar 71 M€ para todo o Estado, cando a UE permítelle destinar en axudas 200 M€ até 2020.   E cando a exclusión  da tarifa 6.2, no 2018, para a industria vasca e navarra usuaria das liñas de 35 kV que adoitaba instalar Iberdrola custou outros 200 M€. Velaí a proba de que o PSOE non enxerga a xeito o problema, sen que isto lle quite culpa  á absoluta inactividade ao respecto durante os dez anos de Goberno Feijóo e os seis anos e medio do Goberno Rajoy.

Máis números. Case o 40% da enerxía producida na Galicia destínase á exportación. A tarifa imponse para todo o Estado pensando nos territorios non produtores de alto consumo doméstico (como a megalópolis madrileña) sen que Galicia lle  poida ofrecer á nosa industria (nomedamente á electrointensiva)  unha tarifa aquelada baseada no seu excedente produtivo que nos faga competitivos e reforce un desenvolvemento autocentrado e sostíbel. Máis aínda, cada galego pagará durante un ano 17,20 € adicionais ao seu consumo para lle compensar ás eléctricas dos tributos autónomicos aboados durante 2013. Somos os que máis pagamos, fronte aos 0,55 cents de  Madrid ou Andalucía. Pagamos máis ca calquera ao prezo que lle interesa aos que nin producen enerxía nin a usan intensivamente en procesos industriais. 

Xa que logo, xogámonos moito co Estatuto da Industria Electrointensiva. Mais haberíamos ser conscientes de que nós producimos electricidade , asumindo elevados custos ambientais, paisaxísticos e económicos , mentres outros chuchan o beneficio xerado por este sacrificio.

O grave problema eléctrico da Galicia só se amaña cun marco tarifario global que sexa xusto cos países produtores de electricidade. Só se amaña con máis autogoberno.

O problema eléctrico da Galicia
Comentarios