Opinión

O silencio dos progres españois

OS PROGRES españois sempre andiveron pola vida ocupados e preocupados (con toda xustiza) pola liberdade dos pobos de Palestina, Sahara e Chiapas, mais, por desgraza,  nada ocupados nin preocupados pola subordinación das linguas, culturas e nacións catalás, vascas e galegas a un Estado español construído por determinadas elites extractivas, refractarias á libre concorrencia e ao progreso. Un Estado español tendente historicamente ao supremacismo e ao autoritarismo e que só coñeceu periodos liberais e democráticos cando tentou darlle algunha caste de canle ao dereito de autogoberno das nacionalidades.

Os progres españois sempre andiveron pola vida moi preocupados polos dereitos do guaraní ou do swahili e nada preocupados  pola minorización en cadanseus países das linguas propias de Euskadi, Galicia, Catalunya, Pais Valencià e as Illes.

Vivimos  nos últimos seis meses  a derrogación do dereito constitucional ao autogoberno das nacionalidades pola aplicación dunha interpretación inconstitucional do 155.  A derrogación parcial do  Código Penal e das Lei de Axuizamento Criminal e Orgánica do Poder Xudicial para crear o delicto de rebelión sen violencia, para inventar a competencia do Tribunal Supremo no canto do Superior de Catalunya nas causas que atinxen ao President, aos deputados e aos consellers, para inventar a competencia da Audiencia Nacional nas causas de sedición, para subordinar a autonomía do Parlament a decisións do Tribunal Constitucional que vulneraban a súa propia xurisprudencia. A aplicación da prisión preventiva como mecanismo antixurídico de creación de reféns: os actuais presos políticos e os antigos presos hoxe suxeitos á fianza e á espada de Damocles da volta ao cárcere se teiman nos seus principios.

Fronte  esta enxurrada de arbitrariedade e autoritarismo os progres españois ficaron calados. No resto da Europa, en Euskadi, Nafarroa, as Illes, o País Valencià ou Galicia a reacción non foi valente nin axeitada en xeral, mais existiron moitas voces individuais e mesmo manifestacións sociais do rexeitamento de amplos sectores a esta onda incivilizada e represiva. Mais no resto do estado, agás moi poucas excepcións, todo foi, todo é, silencio.

Os  progres españois asisten silentes á recentralización autoritaria do Estado español e semellan non se decatar que este proceso vai desnaturalizar de vez o que até de agora cualificabamos como democracia.

Comentarios