Crónica

Aznar defende unha intervención en Venezuela

O expresidente español, José María Aznar (1996-2004) defendeu este mércores durante unha conferencia en Paraguai a necesidade dunha "intervención" en Venezuela, aínda que non matizou de que clase, porque "o prezo de non intervir pode ser máis alto que o de intervir". Aznar afirmou que a "consolidación do réxime venezolano" de Nicolás Maduro pode producir un "efecto contaminante en todos os países", especialmente en Latinoamérica, durante o seu relatorio na sede da Universidade San Ignacio de Loyola de Asunción.

O exmandatario advertiu que haberá "consecuencias" negativas se "o país máis importante do mundo" e as máis de 50 democracias que apoian ao xefe da Asemblea Nacional venezolana, Juan Guaidó, como presidente encargado do país, "non son capaces de que asuma as súas competencias". Por iso, reivindicou a necesidade dunha "intervención", aínda que el mesmo matizou que non especificaba o tipo de intervención, porque para o expresidente o "prezo" da inacción internacional no país caribeño podería ser máis elevado.

Aznar cualificou a Venezuela como "un exemplo moi claro de populismo" e de "como se pode baleirar un país democraticamente" e alertou de que os seus "dirixentes están ao servizo do narcotráfico". "Non só é unha ditadura, é un narcoestado", salientou.