Crónica

Venecia: un morto e o 80% da cidade baixo a auga polas inundacións

O oitenta por cento da cidade de Venecia está baixa a auga. Trátase dunha "devastación apocalíptica". Así definía este mércores a maior inundación desde 1966 da cidade das canles o presidente da rexión do Veneto, Luca Zaia.

"Venecia está de xeonllos. A basílica de San Marcos sufriu graves danos, así como toda a cidade e as illas", engadía pola súa banda o alcalde, Luigi  Brugnaro, despois dunha das noites máis duras que sufriu na súa historia a xa fráxil cidade.

Góndolas e lanchas arrincadas dos amarres e empuxadas cara ás costas, cinco vaporetti, o transporte marítimo público, afundidos ou á deriva, así como totalmente asolagadas as tendas, restaurantes e hoteis da cidade. Máis de 60 barcos foron danados, segundo unha primeira estimación.

Tamén se produciu unha vítima, un home de 78 anos que se electrocutou na illa de Pellestrina, ao sur de Venecia debido a un curtocircuíto cando tentaba bombear a auga da súa casa.