Mundo

O papa Francisco reprende a unha peregrina que lle tirou da man

O papa Francisco reprendeu este 31 de decembro visiblemente molesto, a unha muller que o agarrou bruscamente da man e empuxouno cara ela, mentres saudaba os fieis na súa visita á praza de San Pedro tras oficiar a última misa do ano. O Pontífice pediu desculpas este mércores. "Eu mesmo perdo a paciencia e, por iso pido desculpas polo mal exemplo", dixo o Santo Pai sobre o xesto que quedou gravado polas cámaras do Vaticano. 

Nas imaxes retransmitidas en directo pola cadea de televisión do Vaticano, Vatican News, apreciouse como unha muller de trazos asiáticos tirou con forza do brazo a Francisco, de 83 anos, que case perdeu o equilibrio mentres estaba a saudar un a un os fieis que estaban apostados nos valos instalados diante do pesebre instalado na praza de San Pedro.  Acto seguido, o Papa deulle un golpe no brazo visiblemente enfadado.

  O Pontífice pediu desculpas pola súa reacción durante o Ángelus que rezou este mércores 1 de xaneiro no que instou a "crentes e non crentes" a seguir construíndo un mundo en paz con "a paciencia do amor".