O Museo Gaiás conta xa nas súas instalacións coa Biblia Kennicott, unha das xoias da ilustración medieval e un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo e que foi creada na Coruña no século XV.
Esta obra, custodiada nas Bibliotecas Bodlein da Universidade de Oxford, representa a proba máis importante da presenza xudía en Galicia na Baixa Idade Media e formará parte da mostra Galicia, un relato no mundo.
Hoxe ás 9h púxose fin a un exilio de 500 anos co regreso temporal da Kennicott, unha das biblias xudías máis fermosas do mundo, creada en Galicia e que chega de Oxford. Será unha das pezas de #Galiciaunrelatonomundo | A partir do 15 NOV no #MuseoGaiás | 📷 @ManuelGVicente pic.twitter.com/pt4jnS5ph6
— Cidade da Cultura (@CidadedaCultura) November 2, 2019
A peza será exhibida neste país "cincocentos anos despois do exilio dos seus propietarios", sinala a Xunta nun comunicado, unha importante familia de comerciantes coruñeses que se viron obrigados a marchar trala implantación do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos en 1492.
Esta mesma semana foron instaladas outras dúas obras procedentes do Reino Unido e que formarán parte desta exposición. En concreto, a novela de cabalaría Pontus e Sidonia, ambientada en Galicia, Bretaña, e Inglaterra, e o Mapa Sawley, considerado como un dos máis antigos conservados e que representaba a Catedral de Santiago no século XII como o edificio máis importante de Europea.