Joel Cava: "No concurso, a IA é unha ferramenta colaborativa, non substitúe as persoas"

A Coruña celebrará o 4 de novembro a cuarta edición da coñecida como 'Eurovisión' mundial da intelixencia artificial. Será a primeira convocatoria 100% presencial. Joel Cava, o produtor executivo do AI Song Contest, repasa as claves do certame
Joel Cava, produtor executivo do AI Song contest.EP
photo_camera Joel Cava, produtor executivo do AI Song contest.EP

Joel Cava está á fronte do AI Song Contest 2023, que presenta cambios respecto a anteriores edicións.

En que consiste o AI Song Contest?
É como unha especie de Eurovisión mundial da intelixencia artificial. Os artistas participantes traballan coa IA que lles axuda na composición de cancións. No concurso, a IA enténdese como unha ferramenta colaborativa, pero nunca como un substitutivo das persoas. Ao final, nós somos decisorios e supervisores do proceso de creación e composición musical.

Que podemos esperar desta cuarta edición do concurso?
As anteriores edicións, por mor do covid, foron de xeito online. Esta edición 2023 vai a ser a primeira cen por cen presencial, na que contaremos con público asistente. Ademais, non se tratará tan só dun programa de televisión ao estilo de Eurovisión, senón que se incluirá unha xornada académico divulgativa na que expertos darán charlas arredor da música xerada con IA e sobre os dereitos de propiedade intelectual.

Que criterios se terán en conta na valoración das cancións?
Os equipos que envíen as súas cancións tamén teñen que mandar un documento no que figure cal foi o uso da IA durante o proceso de composición. A partir de dito documento, o xurado debe valorar como foi o tratamento dos recursos orixinais dos autores nos que se basearon, tendo en conta se os algoritmos foron adestrados de xeito correcto, sen sesgos.

Como lle afecta á música creada por IA a normativa de dereitos de propiedade intelectual?
Cando falamos de dereitos de propiedade intelectual esta é unha das cuestións que máis preocupan. O algoritmo entrénase en base a unha serie de prompts, alimentos. Ese material previamente dado ten un copyright, pero de quen é? É da máquina? Do autor orixinal? Iso é do que temos que reflexionar e temos que atopar dalgún xeito un común dominador ou unha reflexión para poder seguir traballando neste eido. Conforme máis recursos para achegar teñamos máis rico e xenuíno será o resultado que poida obter a máquina. Non é o mesmo achegar á máquina dez referencias que se achegamos un millón.

"Se adestramos un algoritmo coa música tradicional galega podemos chegar a preservar a nosa tradición no caso de que se extinga"

O lema do concurso deste ano é O Camiño da IA, ata onde pretende chegar a intelixencia artificial?
En Hollywood, por exemplo, hai empresas produtoras que comezan a prescindir dos compositores, pois xa teñen ferramentas de IA que con darlle a un botón xéranche automaticamente unha canción, iso é perigoso. Hai que avogar por unha música na que o centro da composición sexa a persoa. O músico pode servirse de IA para xerar música, para enriquecer o proceso de composición. A tecnoloxía pode ser útil se a sabemos empregar ben. Nós defendemos que músicos e IA poidan cooperar, a cocreación entre individuos e máquinas.

Pode ser a IA unha ferramenta para preservar e contribuír á música tradicional galega?
Se nós adestramos un algoritmo coa música tradicional galega podemos chegar a preservar a nosa tradición no caso de que se extinga. A IA pode ser garante cultural da nosa idiosincrasia. O festival mesmo, é un xeito de celebrar as culturas minorizadas. O ano pasado participamos cunha canción tradicional, Ai-Lalelo do equipo PAMP!, coa que quedamos segundos. O noso obxectivo inicial era promover o galego nun evento internacional.

A Coruña será sede da AESIA e vostedes celebrarán o AI Song Contest, cren que a cidade pode converterse nun referente da IA?
Totalmente, A Coruña e Galicia xa son un referente internacional. Hai moitos anos que se traballa dende diferentes actores a nivel administración pública, empresas privadas e universidades. Todo o mundo está involucrado neste eido para facer de Galicia un suxeito internacional en IA e o AI Song Contest vén reforzar esa idea.

Comentarios