A Garda Civil evitou a morte dun desaparecido en Cedeira. Segundo informou este xoves o instituto armado, os feitos sucederon o pasado día 22 de outubro tras recibir a chamada dunha persoa que temía pola integridade do seu esposo. Segundo a muller, atopara o vehículo do seu marido estacionado nas proximidades dun establecemento hostaleiro da localidade, aberto e sen ninguén no seu interior, polo que estaba preocupada.
A Benemérita trasladouse ao lugar indicado e, tras entrevistarse con ela, iniciou o operativo de procura pola zona do Faro de Robaleira, "dado o emprazamento do vehículo e o coñecemento desta zona polo auxiliado". Tras 45 minutos de rastrexo polos diversos carreiros que conducen ao faro, os efectivos localizaron unha tenda de campaña en cuxo interior se atopaba o desaparecido semiinconsciente con feridas de diversa consideración no seu corpo. A Garda Civil intentou o traslado desta persoa para a súa atención médica por vía terrestre, pero o mal estado do carreiro fixo o imposible, polo que finalmente optaron pola vía aérea.
Así, desprazouse ata o lugar o helicóptero do Servizo de Gardacostas Pesca 2, que se encargou de levar o ferido ao Porto de Cedeira. Alí foi recollido por unha ambulancia do 061 para a primeira asistencia e o seu traslado ao Centro Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).