Unha veciña de Palas de Rei de 53 anos morreu este xoves ao quedar atrapada por un tractor no alpendre onde o gardaba, nas inmediacións do seu domicilio no lugar de Xermeade, pertencente á parroquia de Merlán. A falecida pereceu esmagada polo vehículo agrícola contra unha columna de formigón.
Os sanitarios do 061 non puideron facer nada por salvarlle a vida. Tamén se desprazaron ao lugar persoal de Protección Civil de Palas de Rei, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Monterroso, da Garda Civil e dos Bombeiros de Chantada.
O suceso produciuse ás oito da tarde e descoñecíase se a falecida trataba de baixar cando a alcanzou o vehículo ou se intentou subir ao mesmo ao ver que se lle botaba enriba. Efectivos do GES de Monterroso encargáronse de mover a máquina agrícola co fin de proceder á excarceración do corpo.
A semana pasada outro accidente cun tractor custou a vida a un home en Riotorto, tamén na provincia de Lugo, e este mesmo luns faleceu outro home en Castro Caldelas.