"Se o ruído está a afectar á saúde pódese recorrer á Fiscalía, elevando o tema polo penal"

O exceso de decibeles nas cidades provoca desde molestias ata danos fisiolóxicos, e mesmo pode ter relación coa ansiedade ou a depresión. Varias asociacións veciñais uníronse na Federación Galega contra a Contaminación Acústica para esixir máis control e medidas. Roberto Almuíña é o seu tesoureiro.
Roberto Almuíña Díaz (Santiago, 1950), tesoureiro da Federación Galega contra a Contaminación Acústica. PEPE FERRÍN
photo_camera Roberto Almuíña Díaz (Santiago, 1950), tesoureiro da Federación Galega contra a Contaminación Acústica. PEPE FERRÍN

Por que deciden dar o paso de constituír esta federación? 
Isto xa vén desde o mes de maio, cando nos reunimos co director xeral de Interior da Xunta, Santiago Villanueva, ao que lle solicitamos a modificación do decreto do horario dos establecementos de lecer nocturno. Daquela remitiunos aos concellos para que o reclamásemos, pero a situación non mellora. E son moitos anos os que levan as asociacións e os particulares loitando por este tema. Chegou un momento no que entendemos que actuar de maneira individual non conduce a nada nin dá resultados. Por iso botamos adiante esta federación, asinamos a acta de constitución e os estatutos, e presentarémola no rexistro da Xunta. 

Ademais prevén integrarse na federación que hai a nivel estatal. 
De feito xa estamos a colaborar con ela e seguiremos facéndoo. O que queremos é que se visibilice a contaminación acústica, que se sensibilice á sociedade e estruturar os recursos ao dispor da xente. Hai veciños que nos contactan para saber como actuar e tentamos botarlles unha man. Do que se trata é de crear uns protocolos que todo o mundo teña a disposición para poder actuar cando se presente o problema. 

E como serían estes protocolos? 

Pois o primeiro que hai que facer é avisar á Policía Local sempre deixando constancia, mediante unha captura ou similar, de que se fixo esa chamada para que despois ninguén veña dicindo que non se chamou ou non se atendeu. A segunda fase sería presentar unha denuncia por escrito e a terceira xa depende da resposta de cada concello ou das repercusións que a situación estea a ter sobre a saúde, porque se é preciso pódese acudir á Valedora do Pobo ou recorrer á Fiscalía de Medio Ambiente elevando o tema polo penal. Isto hai que estruturalo aínda nos próximos meses, pero tamén queremos demandar ás autoridades locais o fin da permisividade ou a tolerancia que hai neste momento co lecer nocturno. Porque estamos a ver como se sacan bebidas á rúa, cando está prohibido, ou como hai balbordo e non pasa nada. 
 

Queremos que as autoridades locais poñan fin á permisividade que hai neste momento co lecer nocturno"


Ofrecen suficiente protección as ordenanzas municipais, a norma autonómica, a lexislación estatal...?

Nós seguimos insistindo en que hai que actuar no ámbito lexislativo a nivel de concellos e de Xunta. Continuamos incidindo en que o decreto de horarios hai que modificalo. Cremos que hai que ir cara a un decreto parecido ao que está en vigor no País Vasco, que distingue claramente entre os días de entre semana e de fin de semana e ao mesmo tempo dá unha responsabilidade aos donos dos establecementos de lecer nocturno sobre o que pasa fóra dos seus locais. Pero, ademais, tamén consideramos que as dotacións de persoal, tanto no ámbito administrativo como no policial, non poden estar suxeitas ás taxas de reposición que actualmente están en vigor polo Goberno de Madrid. Nós pagamos impostos para que a Policía teña os medios que precisa. E finalmente queremos que se poñan en marcha plans de inspección e programas de acción contra a contaminación acústica do lecer nocturno, porque está a afectar a moita xente de forma moi grave. 

Afirman que en Galicia hai "máis de 15.000 familias afectadas". 

Iso é así. Se se fai unha revisión das noticias publicadas neste xornal podemos comprobar que hai incidentes nos que ten que intervir a Policía. Non parece que isto sexa unha situación normal e convén que se lle poña coto antes de que haxa problemas máis gordos. 

Aluden ao lecer nocturno, pero adoita sinalarse ao tráfico rodado como a principal fonte de contaminación acústica nos núcleos urbanos. 

A todo chegaremos. Ademais do lecer nocturno hai outras cuestións que se refiren ás festas, por exemplo. E co tema do tráfico xa veremos. Non pretendemos abarcar todos os problemas que se poidan expor, pero si ir estudándoos dun en un, buscando e pedindo solucións para cada un deles. 
 

Estamos a crear uns protocolos que todo o mundo teña a disposición para actuar contra o ruído"


Teñen pensado falar con asociacións de hostalería? 

Curiosamente, en Santiago os problemas hainos xa entre os hostaleiros. Hai algún que comprou unha casa, á beira montaron un pub e agora as súas fillas non poden durmir. E a xente que ten hoteis na Rúa Loureiro atópase que hai xente facendo botellón fóra do pub que hai nela, e os vasos quedan tirados aí para o día seguinte. Porque é un tema que afecta á sociedade. E nós con quen temos que falar é cos responsables políticos, que son os que teñen que garantir o cumprimento das normas que xa temos. Nada máis. 

Desde algúns colectivos en Compostela avogaban por acudir á Fiscalía de Medio Ambiente. 

É un paso que xa deron desde a asociación de veciños do barrio de San Lorenzo. Porque se está convenientemente certificado que este ruído afecta á saúde da xente pódese acudir á Fiscalía para pedir que actúe de oficio. Se pode servir para resolver o problema, non nos imos negar a utilizar recursos que o ordenamento xurídico poida poñer á nosa disposición. Igual que moitos veciños acoden á Valedora do Pobo. Sempre botou unha man reclamando máis información e ten un bo diagnóstico do problema, pero non ten poder executivo, como si o teñen os concellos, que son os que teñen que actuar. E a Xustiza xa sabemos como é. 

Están abertos a adhesións e a Asociación de Veciños Centro de Lugo xa amosou interese. 

Xa estiveramos con eles en maio. Para poder integrarse teñen que facer unha asemblea xeral que así o acorde. Pero iso non obsta para que empecemos desde xa a traballar conxuntamente.

"A contaminación acústica pode afectar a terceiras persoas que non teñen nada que ver" 

Que consecuencias ten este ruído para os veciños? 

O que mellor coñezo, no caso de Santiago, é a situación dun señor que é traumatólogo e tivo que deixar o seu domicilio para trasladarse a outra parte da cidade porque non podía durmir polas noites. Se ao día seguinte ten que ir ao hospital sen durmir, non estaría nas mellores condicións para dar tratamento. E hai un condutor de autobuses que tres ou catro días á semana só dorme hora e media polo barullo nocturno. Esta contaminación acústica pode afectar a terceiras persoas que non teñen nada que ver. Son cousas que van máis aló da afección directa a un veciño. Aféctanos a todos. Tamén porque hoxe vostede pode non ter ningún problema deste tipo, pero mañá montan un bar no baixo, pasadomañá pasa a ser un bar de copas que pon música ata as tantas e aí comeza o seu problema.

Comentarios