As forzas de seguridade proseguen buscando ao condutor que este martes acababa coa vida dunha septuaxenaria en Vilanova de Arousa ao alcanzala co seu coche. Segundo testemuñas do suceso, o responsable do atropelo continuou a marcha logo de producirse o sinistro. Ao parecer, circulaba nun coche deportivo -Mercedes- de cor branca. Unha das persoas presentes sostén que circulaba de forma temeraria e a gran velocidade.
Varios particulares contactaban co 112 Galicia sobre as 20.15 horas do martes para alertar do sucedido, que ocorreu na rúa de Don Agustín Jambrina, en Vilanova de Arousa. A pesar dos esforzos, o equipo médico desprazado nada puido facer por salvar a vida da muller atropelada, que era oriúnda e veciña de Vilanova.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Urxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil de Tráfico , que onte mesmo puña en marcha un control para dar co responsable, e da Policía Local, dos Bombeiros de Vilagarcía e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilanova de Arousa.