As tormentas que afectaron na tarde deste mércores a parte de Galicia, con máis forza en puntos da provincia de Pontevedra —como no Deza— e na comarca compostelá, deixaron máis de 1.200 raios en apenas seis horas. Son os rexistrados entre as dúas e as oito da tarde pola rede de Meteogalicia, que prevé que as tormentas se poidan repetir o xoves.
As tormentas hoxe están tendo máis intensidade en puntos de Pontevedra e nas últimas horas na comarca de Compostela, onde veñen acompañadas de aparato eléctrico. A medida que a tarde vaia rematando estas tormentas irán tamén esmorecendo, para aínda teremos para 1 hora polo menos. pic.twitter.com/cjvBx5aWR3
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) May 13, 2020
Son "tormentas illadas" pero intensas, segundo indicou a Efe un predictor de Meteogalicia, acompañadas nalgúns puntos de granizada e de aparato eléctrico.
As previsións non anuncian cambios significativos para este xoves, xa que Galicia seguirá baixo a influencia das borrascas que se moven ao oeste de Portugal. Así, a predición reflicte que os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos máis probables pola tarde, localmente tormentosos.