O capitán do Barcelona, Lionel Messi, enviou un burofax ao club catalán no que solicita que se lle conceda a carta de liberdade para poder asinar por outro club.
Fontes da entidade azulgrana explicaron a EFE que, na misiva, Messi alega a cláusula que ten no seu contrato e que lle permitía irse libre antes do pasado 10 xuño.
Con todo, como o internacional arxentino non a executou antes desa data, o Barça deuno automaticamente por renovado unha tempada máis, ata o 30 de xuño de 2021, e a súa cláusula de rescisión pasou a ser de 700 millóns de euros.
RESPOSTA DO BARÇA. O Barcelona respondeu a Messi con outro burofax no que lle pide que se retire no Barça.
Fontes do club catalán explicaron a Efe que na resposta, o Barcelona propón ao astro arxentino que lidere, "con forzas e ilusións renovadas", o novo proxecto deportivo "como sempre fixo" e que finalice a súa carreira no Camp Nou.
Por outra banda, lembra ao capitán do conxunto azulgrana que a cláusula que lle permitía solicitar a carta de liberdade debía executarse antes do pasado 10 xuño e que, por tanto, ao ter un ano máis de contrato en vigor, a súa cláusula de rescisión é de 700 millóns de euros.