O Porto de Marín acolle a entrega dos I Premios ao Emprendemento en Feminino

María Fernanda Castro, Susana Luaces e Belén Trabazo, líderes de Gaura, Gonvauto e Marpol, son as primeiras emprendedoras que reciben este galardón
Susana Luaces, Nanda Castro y Belén Trabazo. DAVID FREIRE / GONZALO GARCÍA
photo_camera Susana Luaces, Nanda Castro e Belén Trabazo. DAVID FREIRE / GONZALO GARCÍA

A sede da Autoridade Portuaria de Marín acolle na tarde deste xoves a entrega dos Premios Emprendemento en Feminino convocados por Sar Comunicacións en colaboración co Concello de Marín e o Plan Social de Ence Pontevedra.

Na súa primeira edición, os Premios Emprendemento en Feminino recoñecen o traballo de María Fernanda Castro, fundadora de Gaura; Susana Luaces, xerente de Gonvauto; e Belén Trabazo, líder do proxecto Marpol impulsado pola empresa Codisoil.

As tres emprendedoras recollerán este xoves os galardóns que nacen para dar visibilidade a proxectos impulsados por mulleres en Pontevedra, Poio e Marín. Ademais, este premio supón un recoñecemento ao traballo das homenaxeadas, á fronte de distintos proxectos empresariais nun acto que contará con representantes do tecido social e empresarial da comarca.

O xurado do certame destacou destas tres mulleres emprendedoras a súa traxectoria á fronte dun proxecto que aposta pola innovación e a sustentabilidade.

No caso da fundadora de Gaura, o xurado subliña a súa faceta como emprendedora. A partir dunha aposta persoal pola creación dunha marca que ofrecese o que a propia empresaria buscaba nun produto de cosmética, María Fernanda Castro soubo desenvolver unha firma absolutamente implicada na protección do medio ambiente e con selo propio.

De Susana Luaces e de Gonvauto, o xurado destaca a súa capacidade de innovación. A empresa situada no Porto de Marín e pertencente ao grupo Gonvarri destaca pola súa constante innovación en todos os procesos de deseño, fabricación, ensamblaje e distribución e montaxe de solucións metálicas.

Finalmente, do conxunto do traballo de Belén Trabazo, o xurado dos galardóns resalta a preocupación pola sustentabilidade. Entre outras cousas, Codisoil conta, desde o ano 2008, cun proxecto, AdBlue, que trata de reducir a emisión de contaminantes á atmosfera. E, desde 2009, a través de Marpol, proxecto do Convenio Internacional para previr a Contaminación dos Buques, aposta tamén pola recuperación de residuos.

O xurado que fallou os galardóns está formado polo director xeral de Diario de Pontevedra, Antonio de Cora, que actuou como presidente; a xornalista especializada en información económica e empresarial de Diario de Pontevedra, María Boullosa, que actuou como secretaria; Ana de Salas, do departamento de Comunicación de Ence; Beatriz Rodríguez, do departamento de Promoción económica e Patrimonio do Concello de Marín, e a xornalista Carolina Neira, responsable de Comunicación do Concello de Marín. Tras a entrega dos galardóns, servirase un viño español no Espazo Emprendedor do Porto de Marín.

#EncePlanSocialPontevedra

Comentarios