A asociación animalista Libera! e a Fundación Franz Weber pediron este xoves que a Xunta de Galicia "comece a dar exemplo de loita contra os malos tratos animais", instando á administración autonómica a personarse como acusación en casos de "crueldade", como o rexistrado a pasada fin de semana no municipio de Verín.
Unha cadela de caza foi localizada xa malferida por un garda civil de paisano nunha pista situada entre as parroquias de Cabreiroá e Tamagos. Foi trasladada polo colectivo Pro Animais Verín a unha clínica veterinaria, que decidiu practicarlle a eutanasia. O can tiña varios disparos, un deles na boca.
A organización lembra que se trata dun ilícito penal que carrexa penas de ata un ano de prisión e multas "de ata 30.000 euros" para o autor dos feitos.