O queixo do Cebreiro, Denominación de Orixe Protexida

cebreiro_dentro.jpg
photo_camera cebreiro_dentro.jpg

A Comisión Europea rexistrou o queixo galego do Cebreiro baixo o distintivo de Denominación de Orixe Protexida  (DOP) da Unión Europea, polo que a partir de agora poderá comercializarse con este elemento de distinción comunitario.

A DOP é un recoñecemento de calidade que diferenciará ese queixo producido na parte oriental da provincia de Lugo do que proceda de calquera outro lugar, a través dunha certificación de calidade a nivel europeo, que acredita que polo menos unha das fases de produción transformación e elaboración desenvolveuse na área á que se refire a denominación.

Deste xeito, o queixo do Cebreiro pasa a formar parte da selecta lista duns 820 produtos xa protexidos en virtude da lexislación comunitaria sobre indicacións xeográficas, denominacións de orixe e especialidades tradicionais.

Nesa lista comunitaria xa se poden atopar outros seis produtos galegos. Un deles tamén é un queixo, o de ''teto'' e os outros cinco son: a tenreira galega, o lacón, o mel de Galicia e a pataca da Limia. Outros produtos galegos, como a ''faba de Lourenzá'', os grelos ou a castaña de Galicia tamén son candidatos a este distintivo de calidade.

Elaborado con leite galego

O queixo do Cebreiro é un queixo fresco de pasta branca, branda e granulosa, elaborado con leite de vaca das razas loura galega, pardo alpina e frisoa, criadas na zona. Presenta forma de fungo, cunha base cilíndrica de diámetro variable e unha especie de chapeu lixeiramente máis ancho. O seu contido en materia graxa está comprendido entre o 45 e o 60% e o seu peso adoita ser de medio quilo ou dun quilo.

A zona de produción actual comprende trece municipios da parte oriental da provincia de Lugo: Pedrafita, O Caurel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Barall, Baleira, Castroverde, A Consagrada, Láncara e Samos.

Comentarios