Mércores de chuvascos xeneralizados e alerta por ondada no litoral

Nas Rías Baixas e a Costa da Morte espéranse ondas de ata sete metros
Meteogalicia
photo_camera Meteogalicia

Galicia quedará este mércores nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, o que dará lugar a unha mañá de chuvascos xeneralizados localmente tormentosos, mentres pola tarde espéranse ceos con nubes e claros ao leste e moi nubrados con precipitacións nas comarcas atlánticas.

As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente e as máximas non terán cambios significativos. De maneira que nas grandes urbes os termómetros alcanzarán os 16 graos na Coruña e Ourense, os 15 en Pontevedra, Vigo ou Ferrol e os 14 graos en Lugo. En canto aos valores mínimos, os máis baixos daranse na capital lucense (8 graos no momento máis frío da xornada), mentres que na Boa Vila ou a cidade olívica non baixarán de 12. 

As Rías Baixas e a Costa da Morte estarán alerta durante toda a xornada por mar de fondo con ondas de ata sete metros. Pola súa banda, A Mariña lucense estará en aviso amarelo só nas primeiras horas do día, ata as doce do mediodía, pola previsión tamén dunha forte ondada (ata cinco metros de altura).

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta xa activou este martes pola tarde a alerta laranxa por temporal no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, recomendando á cidadanía evitar lugares situados na liña de costa, como diques e paseos marítimos. Tamén pediu extremar as medidas de seguridade no momento de realizar actividades no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Comentarios